A foto mostra o que quedou da Librería de Holanda en Londres desfeita polas bombas alemás en 1941. Co teito no chan ateigado de trabes e tellas, pero cos libros nos andeis, tres homes con chapeus e gabardinas, miran, follean ou procuran libros entre os cascallos como se alí non pasara nada Daquela aínda mantiñan os británicos o estoicismo vitoriano, a flema, o que eles chamaban o stiff upper lift e o mesmo fixeron os socios do Richmond Golf Club que publicaron unhas novas regras de xogo (as Temporary Rules) válidas mentres se mantiveran os bombardeos da Luftwaffe que deixaran o campo de xogo cheo de buratos e metralla. As regras, son unha antoloxía dese estoicismo británico que definía o feitío do carácter inglés entre 1870 e 1950 e que aínda hoxe, nun tempo de sentimentalismos e hooligans manteñen semivivo os xogadores de cricket:
Na competición… se caen bombas… os xogadores poden poñerse a cuberto sen penalización; as posicións coñecidas de bombas retardadas están marcadas con bandeiras vermellas a unha razoable pero non garantida distancia de seguridade; unha bola movida por unha acción inimiga… ou caída no cráter dunha bomba pode ser colocada non preto do cráter sen penalización; un xogador cuxo golpe fose afectado pola simultánea explosión dunha bomba pode xogar outra bola dende o mesmo sitio…
Eran cousas como estas as que admiraban ao xornalista ourensán Augusto Assía que, cando foi correspondente en Londres neses tempos da II Guerra Mundial, mandou unha crónica na que facía un comento dun cartel do goberno que dicía: Co teu coraxe, coa túa decisión, coa túa cortesía, gañaremos a guerra. A decisión e o coraxe son condicións, escribe Assía, que todos considerarían necesarias nunha situación como a da guerra, pero… ¿a cortesía?… Aí é onde se revela o matiz británico[1]. Se revelaba… Hoxe pensamos, sen dúbida inxustamente porque xeneralizamos pero se cadra non moi erradamente, nos hooligans, en Magaluf ou no balconing cando pensamos en “ingleses”.
Where are the snows of yesteryear? traducía Rosetti os versos de François Villon (mais où sont les neiges d’antan?)[2] eco a súa vez do Ubi sunt? latino. Non é unha mala pregunta se entendemos por neves (snows-neiges) eses trazos que antano formaban parte do carácter británico.
[1] Assía:A. Cuando yunque, yunque. Cuando martillo, martillo. Ed. Del Asteroide.2015.
[2] Ballade des dames du temps jadis