Aínda que o revirado sentimento que nomea non sexa descoñecido en ningunha das linguas, só o idioma alemán ten unha palabra definida, para sinalar o pracer polo infortunio do outro: schadenfreude.Non se trata de envexa. Na envexa dóenos o triunfo dos outros. Na schadenfreude, sentimos pracer polas desgracias dos demais. Non sempre a envexa é ruín. Pode facer que o atinxido por ela procure conseguir o que envexa nos outros ou recoñeza que merecen o que teñen. É o que chamamos en español, “sanaenvidia”. Outras veces, as mais, é un sentimento prólogo que agarda o fracaso do envexado para se enzoufar na schadenfreude que o sucede.
Pensaba nestas cousas cando lía no xornal a historia dun veciño que esixe da xustiza o derribo da casa de outro veciño. O alcalde de Ourense, interpelado polos xornalistas, asegurou que se procedeu ao derribo pola teima dos veciños denunciantes. Non podo acreditalo pois non sei nada deles pero sospeito, que é xente que debe coñecer de primeira man e de maneira extrema, estes comúns sentimentos da envexa e da schadenfreudeporque, non é doado imaxinar cales poden ser os supostos “agravios” que leven a alguén a esixir o derribo do fogar dunha familia e a contemplar sen remorsos coñecidos ese derribo, sen que a idea que un ten de sí mesmo non se veña tamén abaixo. Invocar a lei non abonda para entender estes feitos porque as normas que nela figuran, un leva-e-trae no que calquera se perde, permitiron, prohibiron e volverán permitir, si se lle concedese un tempo, que o fogar seguise en pé. Milleiros de casas en Galicia comparten esa mesma inseguridade legal resultado da nugalla, desidia ou algo peor das autoridades “non depuradas” (xa me entenden) que deberían velar porque tales cousas non aconteceran. A casa da que aquí se fala, é un exemplo de como deberían ser as casas neste país noso derramado polo chamado feísmo que inza e se espalla sen pouso. Se por ética que, non sempre por desgraza, coincide coa lei pero si coa xustiza, este fogar debería ser conservado, por estética merece ser gabado pero acontece, como aos gregos dos tempos clásicos, que certas casas que polo seu feitío equilibrado e fermoso desafían as regras dos “deuses” que reservan para sí tales obras, veranse atinxidas pola hybris que as condenará ao ostracismo ou á morte por derribo e “deuses” aquí, penso, é palabra que abrangue institucións e autoridades varias e xentes non menos diversas .
PD: Hoxe, 10 de xuño, comezou o derribo da casa. ¿Seguirán as centos ou milleiros que en Ourense, segundo os xornais, están tamén fóra da lei por razóns varias ?…