En El Criticón, di Baltasar Gracián: Son tontos todos os que o parecen e a metade dos que non o parecen. Non sei se pecou de sobexo ou de cativeza. Pode que en 1650 as cousas foran doutro xeito pero hoxe unha ollada aos programas de televisión, sexan de laretas sen vergoña nin pudor, sexan os parladoiros políticos ou os «teóricos» do andazo do virus que nos atinxe, fainos pensar que Gracián foi moi benévolo e para que falar das chamadas redes sociais como twitter onde a carón dalgúns comentos e novas de interese inzan os iletrados arroutados e os lerchos sen pudor aos que conviña chamar twitarras pola súa malevolencia case sempre anónima. Gracián, por certo, tiña tamén un nome máis axeitado para o que hoxe chamamos postureo: figurería.
Tres séculos despois de Gracián, apónselle a Einstein algo semellante pero moito máis “cuantitaivo”: Hai dúas cousas infinitas, o universo e a estupidez humana e do universo non estou seguro. Voltaire tiña tamén as súas cos parvos e salientaba unha nova faciana moi axeitada para os tempos de hoxe: A idiotez é unha doenza extraordinaria; non é o doente quen a padece senón os demais…O que ningún deles fixo foi definir a estupidez aínda que tampouco faltan os que o intentaron como Carlo Cipolla pero as súas leis, acertadas dalgún xeito, non son moi convincentes.
No seu discurso de recepción do Premio Nobel de literatura de 1996 dixo a poetisa polaca Swislaba Szynborka que xa ten aparecido nestas páxinas por outros motivos : Estimo moito estas dúas palabras: Non sei… fan medrar as nosas vidas ata unha dimensión que non cabe en nós mesmos… se Newton non dixera «non sei», as mazás no seu xardín seguirían caendo como sarabia… O «non sei» de Newton non era unha mostra de indiferenza ou desinterese senón unha disposición a preguntar e investigar, a descubrir e informar. Son poucos, moi poucos, os políticos dispostos a esta confesión de ignorancia e a obrigarse a informarse empregando os medios ao seu servizo que son moitos. Coido eu que Szymborska, sen dicilo de xeito explícito, pode axudarnos a definir a estupidez. Un tonto, poderíamos propoñer, é aquel que, no sentido no que ela o emprega, nunca di «non sei».