“Veinte atropellos en Ourense en los dos últimos meses”
(Dos xornais)
Supoño que hai que chegar a certa idade, poño por caso setenta anos, para se decatar de certas cousas que ata entón pasaban desapercibidas. Unha desas cousas,ata agora para min invisible,é a chea de xente que camiña pola rúas de Ourense coa axuda dun caxato, (ás veces dous) ou se despraza nunha sella de rodas motorizada, ás veces conducida de tal xeito, que de existir permisos de conducir para estes aparellos algúns terían os puntos en negativo.As razóns son obvias. Cun 30 % da poboación maior de 65 anos, vivimos na provincia máis envellecida de España e a única, onde o número de pensionistas (109.000) e maior ca dos traballadores activos (108.000). Velaí, o por que do grande número de persoas atinxidas por eivas varias, físicas e cognitivas, que precisan destas axudas e aparellos e a razón dos moitos atropelos que se dan na cidade. Unha muller que se move pola cidade nunha destas sellas, ten un aforismo non exento de humor e de resignación: cando chegas a esta idade, ao erguer pola mañá, se non tes algunha dor en algures, é que estás morta.
Mais o caxato é tamén unha metáfora do que a provincia é. Tolleita, envellecida e cunha memoria eivada para as falcatruadas dos seus gobernantes,sobrevive coas pensións-caxato dos xubilados e as axudas-caxato chegadas do Estado, de Europa e da Xunta que adoitan rematar en mans pouco axeitadas cando non aproveitadas.A mocidade fuxe onde pode e ese “pode”, ás veces, é moi lonxe. Podémonos “gabar” de ter rapaces de Ourense nas illas do Pacífico, en Serra Leona e Mozambique, en China, Australia e Canadá, en Estados Unidos e por toda Europa.
Non sei como aínda non pensaron os “anglo”-gobernantes de Ourense en aproveitar esta “eiva” para convertela en vantaxe i eludo as frases tan feitas como baleiras de “poñer en valor” e “facer visible” que son tan do gusto de políticos badocos sen ideas nin caletre.Ourense podería,poño por caso, converterse nun parque temático xeriátrico. Xentes chegadas de todas partes, percorrerían a cidade e a provincia en autobuses na compaña de guías que lles mostrarían as diferentes facianas da terceira idade: os diferentes tipos de caxatos, os vellos e novos modelos de sellas de rodas e as academias especializadas para ensinar o seu manexo, as distintas nacionalidades das coidadoras que pasean os vellos, os deseños de pantalóns curtos e viseiras de béisbol dos vellos autosuficientes que esqueceron a antiga dignidade vestimentaria da vellez, as clases de Tai Chi e Aqua Gymxeriátrico, as tertulias xeriátricas termais, a universidade xeriátrica cos seus centos de cursos, ou mesmo,como actividade suplementaria, unha xira aérea para ver os lumes forestais do verán. A Deputación e o Concello coidarán de poñer rapaces novos polas rúas en número axeitado, que escasos como están, haberá que importar, para marcar axeitadamente o contraste e coidará tamén de construír un “carril xeriátrico” dobre para que camiñen ou se despracen por el en sellas motorizadas, só os que teñanmáis de 65 anos sen que ciclistas encoletados ou descoletados que gustan de circular polas beirarrúas,os manden ao chan ou condutores desleixados non fagan o mesmo coas non menos desleixadas xentes desa idade que ás veces cruzan a rúa por onde lles peta. A idea non é unha trapallada saída dun maxín arroutado. Nova York, esa cidade que fai todo ou case todo antes cas demais, hai anos que ten Safe Streets for Seniors, dentro do programa de recuperación das rúas que Janette Sadiq-Khan, a concelleira de urbanismo que ten non sei se por azar ou parentesco, os mesmos apelidos que o novo alcalde musulmán e laborista de Londres, ( e haberá que confiar en que mande máis a ideoloxía laborista ca musulmá) inaugurou hai tempo ademais de moitos quilómetros de carril-bici, beirarrúas, liñas de autobús, percorridos seguros e a pé para escolares e moitas outras cousas das que poderían tirar proveito os nosos concelleiros porque poñer bicis públicas sen facer carrís para que circulen por eles é como non facer nada pero polo que vai sabendo, as aproveitadas viaxes a Nova York dos nosos políticos non dan moito proveito.
Mellor sería ter unha Fronte de Resistencia de “Panteras Grises” pero…!éche o que hai!.
Postdata: Por se algún pouco avisado ou acostumado ao telelixo ou partidario do “politicamente correcto” non se decatou, o que antecede é un relato irónico-sarcástico ou si se prefire, un desabafo de alguén que pertence a esa idade e ten familiares da súa mesma idade precisados de atencións. Non se rexeitan as actividades académicas, de saúde ou lecer para xubilados nin as necesarias axudas no fogar ou institucionais que precisan moitas destas xentes pero, se cadra, conviña ensinar a moitos políticos e algúns dos que se encargan destas actividades, que os xubilados non son nenosaos que cómpre “pastorear” nin as actividades programadas un almacén onde vir recoller votos. A maioría por experiencia, por coñecemento ou polas dúas cousas, poderían avergoñar aos seus “profesores” e gobernantes se quixeran facelo cando, como acontece ás veces, estes presupoñen que están diante de nenos que asisten a unha gardería.
O Velho do Restelo