Bioy Casares, Borges y Victoria Ocampo en 1935
Borges, aínda que se namoraba con facilidade, de mulleres, como acredita a súa vida, non sabía moito. O seu amigo Bioy Casares, tiña sona de que sabía de máis. Pensaba, xulgando pola súa propia experiencia, que as 10.000 mulleres que Georges Simenon aseguraba haber coñecido “bíblicamente”, non lle parecían unha cifra esaxerada. Malia ser home rico, culto e atractivo, pode que haxa que poñer esa fachendosa afirmación de Bioy no rexistro da mitoloxía ou da maledicencia. Foi Alberto Manguel quen a contou entre outras cousas, cando contestou alporizado a María Kodama, viúva de Borges, por dicir nunha entrevista que Bioy fora o “Salieri de Borges” cousa que Manguel, que coñeceu aos dous, non compartía.
Borges e Bioy, coñecían unha muller de longa experiencia e saberes no eido das cousas amorosas que, malia ás súas diferentes experiencias, deixaba pampos ao inxenuo Borges e ao experimentado Bioy. A muller podía resumir algunhas desas experiencias dun xeito tan sentencioso que nin as dúbidas nin as preguntas eran posibles. Dicía por exemplo: Copular con xaponeses é como masturbarse pero máis solitario… A experimentada señora debeu, se cadra, deitarse cun samurai xubilado, cun kamikaze sen misión ou cun experto en bonsais que estarían ensumidos nas súas artes guerreiras e botánicas mentres deixaban ao automatismo dos seus corpos o traballo erótico pero o informe da experimentada señora, enxoito como é, non da moitos detalles da profesión dos seus calados e ausentes amantes como para acreditar a teoría. Apónselle a certo lord inglés ou ao mítico repertorio tradicional erótico dos ingleses excéntricos, a declaración de que, nunca cometería a vulgaridade de ter un orgasmo en presenza dunha dama o que, como no caso dos xaponeses, nos pon diante dun asunto enigmático pouco doado de resolver.
Postdata: Nun apunte do babélico libro “Borges” de Bioy Casares publicado despois da súa morte, probable fonte do alporizamento de María Kodama por algunhas cousas que alí conta Bioy do seu amigo Borges, apónselle a historia xaponesa a un oficial americano falando das mulleres xaponesas. A frase non é boa, comentan Borges e Bioy, e suxire unha realidade atroz. Hai anos sería inimaxinable que o protagonista da historia fose unha muller. Hoxe, as dúas versión son posibles e ten máis interese, coido eu, a versión feminina.