Chamar “guerras” ás loitas contra a deforestación, a contaminación ou as doenzas é unha metáfora xa que as armas empregadas non son as da guerra convencional nin os inimigos son humanos. Non sería moi axeitado loitar contra as secas, os asolagamentos os andazos ou o burato de ozono con espadas, lanzas e coitelos pero houbo un caso, de veracidade incerta, no que aconteceu algo así. No seu percorrido por Libia, conta Heródoto (484-425 a.C) no libro IV da súa Historia, Melpómene, o tristeiro e valente destino dos psilos, veciños dos nasamones e dos garamantes. As refoladas do vento do deserto do sur fixeran estiñar as fontes e pozos do seu país que quedou sen auga. Despois de deliberar, os psilos acordaron por unanimidade, saír en campaña contra o vento sur. Prudente, Heródoto, vese aquí na obriga de engadir: Eu digo o que din os libios. Cando xa estaban no deserto o vento sur veu contra eles e enterrounos a todos baixo as areas. As súas terras ocupáronas os veciños nasamones e os psilos desapareceron para sempre da historia. Os psilos non deberían ter deuses mediadores nin xefes políticos ou Heródoto non sabía deles pois, de telos, apoñeríanlle a desfeita sufrida a algún gobernante ou a un deus alporizado do seu panteón e procurarían calmalo con sacrificios sen ter que recorrer á loita directa contra os males da natureza
De lle facer caso a don Álvaro Cunqueiro Heródoto tiña razóns biográficas para recoller e darlle creto á historia da heroica loita dos psilos contra o poder dun vento pois foi un dos que marchou ao sur de Italia para repoboar a colonia ateniense de Turios no ano 444 a.C e puido asistir a un feito semellante aínda que menos infortunado para eles. As xentes de Turios, sempre segundo Cunqueiro, cando viron aparecer unha flota inimiga, chamaron ao vento norte que chegou leal e arroutado e levou con el as naus inimigas impedindo que os guerreiros puxeran o pé na praia e tomaran a cidade. Agradecidos, os de Turios, fixeron cidadán ao vento do norte e regaláronlle unha casa e terras de labor. Non hai confirmación do feito en Tucídides nin no mesmo Heródoto pero cando se trata de Cunqueiro hai que lle dar creto ao que conta.
Hai tempo que os galegos temos con nós unha seca que leva camiño de ser como a que acabou cos psilos pois malia a nosa avanzada tecnoloxía non temos armas eficaces para acabar con ela. En tempos máis relixiosos, chegado un momento como o presente, cregos, bispos e fregueses pregaban ao ceo pedindo chuvia (ad petendam pluvian), pregaria que ás veces funcionaba e outras non. En Acebedo do Río, segundo a miña informante que ten máis de oitenta anos, houbo un tempo que, cando como hoxe, había unha longa seca que se demoraba, os veciños baixaban sobre as súas andas ao san Cibrao dende a súa pequena capela a uns quilómetros da igrexa parroquial, e achegábanse con el a un regueiro preto da igrexa principal. Alí, mentres mollaban as roupas do santo berraban (sen moito convencemento e con certo medo): “!Ou chove ou vas ao regueiro!”. Sempre había algún veciño que o impedía dicindo: !”respondo eu!” e a cousa non chegaba a maiores. Como o asunto nunca foi ben estudado, descoñécese se os resultados foron os axeitados pero de seguir así as cousas, por probalo pouco se perde. !Respondo eu!.
Polos lumes non respondo. Non hai pregarias nin santos especializados.