Don Álvaro Cunqueiro, escribiuAs crónicas do Sochantre que corría na Bretaña francesa, sen viaxar nunca por esas terras. Cando moitos anos despois puido por fin coñecer o país do seu sochantre, quedou pampo pola precisión do que escribirá anos antes. Os regueiros, os camiños, os calvaires, os pumariños, as igrexas, eran tal como el as imaxinara.Para sermos xustos, cómpre dar recado de que, don Álvaro, non sempre acertou, cousa que el mesmo recoñecía. O castelo de Elsinor, do Hamlet de Shakespeare, cando Cunqueiro chegou ás terras danesas na súa procura, só tiña co que el imaxinara no seu O incerto señor don Hamlet,un vento do noroeste entrando polo Sund. Torres, muros e terras nada tiñan que ver coas por el imaxinadas. Se cadra, por eses acertos e desacertos, Cunqueiro ten escrito moitos textos sobre as viaxes imaxinarias e reais e non hai certeza de que soubera diferencialas nin que lle importara moito facelo[1].
O caso de PatrickO´Brian (1914-2000) foi,doutro xeito, aínda máis abraiante. Os seus lectores supoñían que a precisión dos termos técnicos que acollían os seus vinte tomos de novelas da mariña de guerra nos tempos napoleónicos (aparellos, velas, cabos, escotas, ventos, manobras etcétera) acreditábano como un mestre dos relatos mariños e por ese coñecemento, os mariños de guerra de todo o mundo o recoñeceron como un deles e debullaronos seus libros pensando que foran escritos por alguén moi sabido na navegación a vela e na guerra na mar. [2] Non era o caso. O´Brian, que vivía afastado da sociedade no sur de Francia, foi invitado por un millonario americano, admirador dos seus libros, a facer un cruceiro de dúas semanas polo Mediterráneo no seu barco. O túzaro O´Brian, sorprendeu a todos aceptando, así que embarcou co millonario co que faría despois unha longa amizade.O cruceiro revelou algo inesperado: O´Brian, non navegara nunca, e non tiña nin idea da práctica da navegación sobre a que tanto escribira con mestría o que non impediu que desfrutara do cruceiro, iso si, sen que lle permitiran achegarse ao leme se non querían ir a pique.
KarlMay , alemán, que estivo no cárcere en varias ocasións, escribía novelas do Oeste das que gorentaba Hitler e moitos miles de alemáns máis. May, que nunca estivera no Oeste, ao cabo, foi a Estados Unidos nos primeiros anos do século XX pero non quixo ir máis alá de Nova Inglaterra se cadra por non ter que axeitar o que tiña escrito co que agora podía ver e deixou o Oeste das súas novelas sen coñecer.Emilio Salgari, fixo que Sandokan, navegara como pirata os mares de Malasia pero el nunca abandonou Italia e a única viaxe que fixo por mar foi unha navegación costeira cando tiña 18 anos. Nin May, nin Salgari, puideron comprobar a exactitude das súas descricións. Do gran viaxeiro Marco Polo, hoxe todo son dúbidas. No seu relato, ditado a un preso na cadea de Xénova, non se menciona a Gran Muralla, nin a escritura chinesa, nin hai traza ningunha da lingua e de como a aprendeu. ¿Quince anos en China sen mencionar a Gran Muralla e a escritura…?Cando menos, sospeitoso.
Kant, como é sabido, nunca se moveu do seu Konisberg natal o que non supuxo atranco ningún para escribir unha magna obra filosófica. Haendel e Bach, naceron no mesmo ano en vilas separadas por menos de 100 quilómetros. Non chegaron a se coñecer pero Handel, famoso e rico en vida, cosmopolita e cortesán, viaxou moito. Bach, o maior xenio musical da historia segundo as opinións dos seus colegas de onte e hoxe, pobre, provinciano e relixioso, nunca coñeceu outro país que a súa Alemaña natal.
Pode que todos estes viaxeiros de imaxinación, da música ou da filosofía, que exerceron a súa influencia sobre un mundo que non coñeceron, seguiran, sen coñecelo, o consello de RogerScruton que, malia ser un abastado viaxeiro, afirmaba contra a opinión tradicional que, viaxar, estreita (ou limita) a mente e canto máis lonxe viaxemos máis limitada se volve a mente. Era a súa particular, moi particular, interpretación de Horacio: caelum non animunmutantquitransmarecurrunt ( cambia de ceo mais non de carácter quen cruza o mar). Non sei se Kapuscinski, AlexandervonHumboldt, Stanley, PatrickLeighFermor, os británicos que facían o Gran Tour, ou tantos outros viaxeiros estarían de acordo con Scruton. Coido que non pero cumpriría saber se non foi o seu carácter pre-viaxeiro e non as viaxes, o que fixo que nos deixaran as obras que hoxe seguimos a ler con admiración. Antes de viaxar xa sabían “mirar” e foi esa ollada a que fixo do seu viaxar algo decisivo para tirar do mundo visitado o que tiña que ensinar. Levi-Strauss, foi a Brasil e a India e puido ver o que ninguén vira e escribir ese fermoso libro que é Tristes Trópicos pero todos coñecemos xentes que viaxan e volven como se non o fixeran. Son os grandes viaxeiros turísticos que todos os anos van na procura de illas afastadas ou países exóticos, (se algún queda) e volven como di Umberto Eco, pouco afectados pola turbación do país estranxeiro: volven e só pensan nas vindeiras vacacións, non falan dunha luz nova que os cambiou… Semella que é a estes viaxeiros aos que lle apón Scruton a súa versión de Horacio.
Doutro feitío son os minuciosos relatos de “lugares ou terras” inexistentes. Hai que supoñer que malia a súa precisión en canto as paisaxes do máis alá, Dante, non coñeceu o inferno, o purgatorio e o ceo dos que da conta en A Divina Comedia e hai que supoñer tamén, (os ateos polo menos así o farán), que tampouco os coñeceu despois de morrer polo que non puido como Cunqueiro comprobar a veracidade ou falsidade do seu relato pero este é outro asunto para o que cómpren máis estudios.
Moito máis mérito teñen os políticos do país. Non saben onde están, non saben onde van, pero gábanse de saber o que o país precisa e como conseguilo sen ser vedoiros coma Cunqueiro, teóricos como O´Brian, imaxinativos como Salgari ou May ou xenios, como Bach ou Kant.Viaxados si que son pero como se non o fosen. Coido que, con máis motivos que os viaxeiros turísticos, danlle a razón a Horacio (ou a Scruton): cambian de ceo pero non de carácter e seguen a ser os mesmos preas de sempre.
[1]Vid: Cunqueiro.A. Viajes imaginarios y reales. Tusquets. 1986.
[2] O filme MasterandComanderde PeterWeir con RussellCrowe está baseado nas novelas do capitán Jack Aubrey escritas por el. Simón Leys ten escrito do caso O´Brian nalgún dos seus libros.
1 comentario en “O VERO E O BEN TROVATO”
Supongo que, los que viajan y vuelven igual que fueron, o peor, son los mismos que estando “parados” tampoco hacen grandes cosas.