Hai, polo visto, dous tipos de sistemas caóticos. Os do primeiro tipo son caos que non reaccionan ás predicións que se fagan sobre el. É o caso da meteoroloxía. O bater das ás dunha bolboreta nun cabo do mundo pode encetar un cambio que leve a un asolagamento tempo despois noutro cabo do mundo o que fai que non sexa doado facer unha predición exacta pola imposibilidade de rexistrar todas as miudallas que poden determinar o tempo. Aínda que iso fose posible o prognóstico dun meteorólogo, que pode ter unha certa e importante fiabilidade ou estar errado por mal aproveitamento dos datos, nunca vai modificar o curso dos acontecementos meteorolóxicos que seguirán o seu propio camiño alleos aos prognósticos certos ou errados.
Os sistemas caóticos do segundo tipo, si reaccionan ás predicións, polo que nunca é posible facer unha predición cun moderado grao de fiabilidade como as da meteoroloxía xa que a mesma predición altera o sistema. Se unha autoridade das finanzas, di por exemplo, que un certo banco ou país vai quebrar, esa mesma predición pode provocar a quebra do banco ou do país.
Doutro xeito eran os prognósticos do tempo de certos meteorólogos, non moi científicos, cómpre dicilo, dos que da noticia don Álvaro Cunqueiro que sempre foi un erudito nestes asuntos. É o caso de Don Mariano del Castillo que ademais de publicar dende 1840 o coñecido calendario con prognósticos anuais do tempo, “El Zaragozano”, predicía tamén o tempo para un xornal de Zaragoza. Estaba un día na casa facendo en abril as predicións para o mes de maio cando entraron no seu “observatorio” as súas fillas que aproveitaron a visita para lle preguntar polo tempo que faría o 15 de maio: Vento frío do NO con chuvia e neve no Moncaio contestou don Mariano sen vacilar. As fillas: Papá, non pode ser que ese día é San Isidro e estreamos vestido. Don Mariano, conta Cunqueiro, cambiou o xa escrito: 15 de maio. Vento bonancible do SO. Día claro e solleiro.
Sen dúbida, este é un terceiro tipo de caos que non se atopa nos textos sobre a materia. Poderíamos chamalo, Petacaos, pois a principal variable que xoga nestas casos é o que lle peta ao prognosticador por non empregar unha palabra menos decorosa. Teño a sospeita de que moitos gurús das finanzas, mesmo algúns premiados co Nobel de economía, empregan o sistema de don Mariano, afirmación coa que NassinTalebque afirma que os “cisnes negros”, e dicir, os sucesos imprevisibles que cambian todo, impiden predicir nada, estaría de acordo.
Iso si…Don Mariano non facía dano ningún. Estes gurús si, e moito.
- Prognóstico para a vindeira semana: se cadra fará calor abafante, se cadra non. Pode que chova ou pode que non. Consultar Meteogalicia.