Ao doutor Louis Hubert Farabeuf (1841–1910), cirurxián, profesor de anatomía e hixienista francés de biografía ben ateigada de supostos erotismos mórbidos, xogos de espías e viaxes, apónselle un dito de sona que provoca un certo desacougo en tempos como os nosos, onde inzan os métodos non sempre acreditados para garantir unha boa saúde ou unha forma física de excelencia. A boa saúde, dixo Farabeuf, é un estado precario que non agoira nada bo.
De certo que non andaba descarreirado o doutor Farabeuf. Se un está no cúmio de non importa que, xa non hai mais alá, e tarde ou cedo o único que pode acontecer é baixar. Os xeitos de loitar contra os medos a perder esa boa saúde, son numerosos e case sempre aconsellables aínda que ás veces, poden chegar a extremos choqueiros, mesmo entre xentes ilustradas, e abranguen segundo o tempo, dende pulseras magnéticas e dietas milagreiras ata baños termais com viño ou chiculate, vexetarianismos radicais, e cousas semellantes. O medo aos tóxicos, calquera que estes sexan, aditivos alimentarios, colorantes, alcoholes e demais, forman parte tamén do repertorio que nos casos excesivos e irredentos entran con pouca dúbida no excéntrico ou no patolòxico. Conta o historiador inglés, Paul Johnson que, un día invitou a xantar a sir Karl Popper a súa casa. Popper díxolle antes de aceptar: ¿pode vostede garantir que nas últimas tres semanas non fumou ninguén no comedor da súa casa?…. Johnson non puido acreditar ese suposto polo que Popper non foi comer. Se a esixencia de Popper pode parecer esaxerada, cómpre lembrar ao premio Nóbel, Juan Ramón Jiménez que, falando por teléfono preguntáballe ao seu interlecutor: ¿Está vostede fumando?. Como a resposta fose positiva, Juan Ramón colgaba o teléfono de sutaque sin máis explicacións. Juan Ramón tiña sona de ser home de neuras varias e mesmo chegou a estar ingresado por motivos mentais pero as de Popper estaban máis agachadas e polo que se ve, non aplicaba a súa teoría da falsabilidade para refutar o posible dano que un cigarrillo fumado semanas antes nun comedor puidera provocar na súa saúde. Simon Leys, tiña unha visión moi diferente e menos medoña ca de Popper e Jiménez sobre estes asuntos. Pensaba que os avisos dos paquetes de tabaco que advirten do risco do fume con imaxes arrepiantes, son como as cinzas coas que os cregos cristiáns no Mércores Santo marcan a frente dos crentes mentres recitan o “polvo es e polvo serás” agoirando así a nosa inevitable mortalidade. Fumar, dende logo, non é moi aconsellable e acorta a vida pero tampouco semellan ser bos consellos estas tolemias fanáticas que deberían ter en conta o aviso do doutor Farabeuf. Sospeito que un xeito tal de andar pola vida non é moi saudable, polo menos, no que atinxe á cousa mental. Iñaki Uriarte, diabético e fumador, recoñece no derradeiro dos seus Diarios, que fumar acorta a vida dez anos e a diabetes outros dez polo que os seus 63 anos corresponden a 83 o que non lle deixa, pensa el, moito tempo de vida por diante. Mais acontece que Uriarte é tamén un grande lector que comparte, creo, a devoción por Montaigne de Arthur Armaingaud, médico nacido en Burdeos, tamén hixienista e contemporáneo de Farabeuf que coa autoridade do seu oficio e da que lle concede a de seren autor dun folleto sobre a suposta hipocondría de Montaigne, afirmou, hai que supoñer que como médico preventivo, que unha persoa que le a Montaigne ten unha esperanza de vida de dez a quince anos superior a unha que non o lea…
Aviso: Hai edicións máis baratas pero os Ensayos de Montaigne na editorial Acantilado non están nada mal.