Galicia malia o que parece, non tivo nunca moito aprecio polas árbores. Carballos e castiñeiros milenarios caeron baixo a machada ou a serra sen moitos remorsos non hai tanto tempo. Cando se miran as vellas fotos que se conservan deses templos vexetais non é doado entender as razóns da súa morte. Pode que para un campesiño con poucos recursos, e esa foi a historia da Galicia durante moitos séculos, unha caracocha ou unha carballa centenaria non fosen máis que leña ou madeira para trabes e carpintería que cumpría vender se a situación o esixía pero..¿ que pensar de RonaldReagan que perante as sequoias de California afirmou que vista unha vistas todas?… ou de Beckett, de Sartre ou Deleuze, homes cultos, que como o campesiño deste e doutros países apenas vían nas árbores máis ca leña no mellor dos casos ou algo axeitado para se aforcar no peor como o Estragón de Esperando a Godot de Beckett. Voltaire, non era coma eles. No remate da súa vida non facía outra cousa que plantar árbores e coma el, Valery, Goetheou Cioranentre moitos outros loaron as árbores con reverencia. A Buda, que atopou a iluminación debaixo dunha figueira relixiosa, apónsellea frase: “unha árbore é un organismo tan xeneroso que ofrece a súa sombra a que ven cortalo”. FrancisHallé, un botánico especialista en ecoloxía dos bosques tropicais de quen recollo estas observacións, conta no seu libro La vie des arbres, fermosamente escrito nun francés peneirado, algunhas historias de árbores que cómpre coñecer. O HouxRoyal, é unha arbore de Tasmania que ten… 43.000 anos. Hai piñeiros americanos de 5.000, sequoias californianas e cipreses persas de 4.000 que xa estaban medrando cando os exipcios erguían as pirámides, teixos e castiñeiros de 3.000, pero, os 43.000 anos do Houxnos levan a un tempo onde en Europa aínda convivían os Sapiens e os Neanderthal. Hallé, asegura, que a maioría das árbores, son potencialmente inmortais pois no seu xenoma non está programada como no noso, a senescencia. En Pretoria, capital de Sudáfrica, medran as acacias caffra, que teñen unhas habelencias curiosas. Son o alimento das gacelasKoudous, que comen nelas dun xeito tan particular que chamou a atención do botánico Van Hoven. As gacelas achéganse as acacias, comen as súas follas durante 20 segundos e marchan lixeiras a comer noutras acacias que estean a “barlovento”. Acontece, que cando estas acacias senten que son atacadas polas gacelas, ao xeito dun lóstrego, cambian a bioquímica das follas que se volven tóxicas para as gacelas e ao tempo, informan por “vía aérea” as demais acacias que estean a sotavento que hai un depredador presente. Un día despois, as follas volven deixar de ser tóxicas e recomeza o xantar das gacelas. É unha proba de que ás árbores se comunican entre elas e que son ademais, a palabra non é axeitada pero non hai ningunha mellor, altruístas pois dan recado do perigo ás súas veciñas e permiten que coman as gacelas e sobrevivan elas . As árbores non só recollen o CO2 da atmosfera, emiten moléculas específicas chamadas VOC que teñen varias funcións. Unha delas é servir para que arredor delas se forman as pingas de chuvia que precisan dunha “semente” que adoitan tirar da poeira, posibilidade que non existe nas alturas das árbores amazónicas onde son as VOCs as que cumpren esa función. Certa clase de fabas cando sonparasitadas por un áfido, emite unha destas VOC á atmosfera que fai que veñan de lonxe os depredadores destes parasitos. De cousas coma estas fala Hallé neste pequeno grande libro que merece ser lido, por pracer e deber.
PD: No sei se o libro de FrancisHallé está traducido. Eu non atopei referencia ningunha en español. Para os que lean francés, La vie des arbres, Bayard, 2011. Custa 11 euros en Amazon.es e ten 70 páxinas.
1 comentario en “Árbores”
Interesante e bonito artigo. Andiven investigando un pouco sobre Francis Hallé: semella que non hai obras súas traducidas ao castelán. Ademais do libro que citas, ten moi boa pinta un documental estrenado en 2013 e dirixido por Luc Jacquet en colaboración con Hallé: “Il était une fôret”. En Radio 3, no programa “La memoria del bosque”, dedicáronlle dous programas: “Encima de los árboles” (09/06/2013) e “Francis Hallé, el Barón Rampante” (16/06/2013), con entrevista incluída (Hallé fala un correcto castelán). Pódense escoitar os programas buscando en http://www.rtve.es/alacarta/audios/el-bosque-habitado. Eso si, a voz da presentadora é bastante insoportable.