Xa non sei en que emisora nin en que tertulia foi pois aconteceu hai meses. Falaban dous homes sabidos é unha muller non menos sabida que participaban como todas as semanas nunha tertulia política. Nalgún momento a muller dixo algo así como: “Un tal Di Stéfano…”. Fíxose un silencio longo que na radio sempre parece aínda máis longo ata que algún dos tertulianos entre pampo e alporizado dixo: “¿Cómo que un tal Di Stéfano…?.!Alfredo Di Stéfano!”… Hai uns días, nunha cafetería do centro, unha parella lía os xornais. A muller detivo a lectura e preguntoulle ao home: “¿Ti coñeces a un tal Paco Gento..?.” O mesmo silencio que na radio. Despois a mesma reacción: “¿Cómo que se coñezo a Gento?… ¡A galerna do Cantábrico!…”
Os dous tertulianos e o home da cafetería, (un coñecido meu), non eran seareiros de ningún equipo, non acudían ao campo nin seguían o fútbol por televisión. O que tiñan en común era unha nenez compartida sen televisión, Internet, ou teléfonos móbiles, onde o lecer cotiá era o cine, o fútbol e a lectura, (si, a lectura) e onde os xogadores de fútbol e os actores e actrices do cine funcionaban como heroes a imitar.Malia o seu posible uso narcótico polos gobernos do tempo, os deportes practicados na nenez e na mocidade seguirán espertando interese na vida adulta aínda que non se acuda aos campos nin se sigan pola televisión e xa pode un ser o máis requintado escritor ou científico que, oque os soños deportivos de canda nenos manterán a súa influencia nos decatemos ou non dela.
Hai más de 600.000 entradas en Google sobre “anécdotas do fútbol mundial” e moitas delas servirían para ilustrar problemas filosóficos, morais ou mesmo políticos que polo menos, dende os Diálogos de Platón, desacougan aos que intentan comprender o comportamento dos humanos. Ás veces, os xogadores de fútbol convértense, o queiran ou non, en depositarios do orgullo ou das feridas da cidade ou do país. Kapucinski contou a guerra do fútbol entre El Salvador e Honduras en 1969 que tiña outras razóns pero que, sen o acontecido nos partidos de clasificación para o Campionato do Mundo, non tería provocado os 6000 mortos que deixou na semana de combates. Nos anos 50, Zarra, (Telmo Zarraonaindía) que en 1950 en Brasil meteu o gol a Inglaterra que fixo que España chegara a semifinal do Campionato do Mundo, era un deses referentes. Máximo goleador de todos os tempos, (Messi está a piques de superar ese record), nunca foi expulsado dun partido agás nunha ocasión e por un erro do árbitro. O pai de Zarrra tiña seis, se cadra oito, apelidos vascos: Pedro Telmo Zarraonandia Barturen Oñarte-Sagasti Zabala. A nai de Zarra era unha unha alavaesa con non menos apelidos: Tomasa Águeda Montoya Salazar Barron Ruiz de Austri. Malia a idea de a que nai de Zarra era xitana polo seu apelido Montoia, moi espallado entre membros desa etnia, seica non é así pois e apelido alavés que corre dende o solar orixinal cara o sur coa avance da reconquista onde foi adoptado por moitos xitanos.Zarra, con esa manchea de apelidos vascos, foi o símbolo da “furia española” que derrotou á Inglaterra, (a pérfida Albión), furia española, que hoxe, hai que supoñer, non debe espertar moitas alegrías entre os vascos nacionalistas.
A única escultura que celebra a un “preto” en Portugal é a que no exterior do estadio do Bemfica, celebra ao futbolista mozambicano Eusebio. Eusebio, que faleceu en xaneiro do pasado ano, tivo un enterro “de estado” no que estiveron presentes o primeiro ministro Passos Coelho e o presidente Cavaco Silva ao tempo que o goberno declaraba tres días de loito nacional. Con Eusebio, que figura co número 9 na lista dos 50 mellores xogadores do mundo de todos os tempos, o Bemfica gañou unha copa de Europa e Portugal estivo a piques de ganar o Campionato do Mundo en Inglaterra en 1966 (quedou terceiro). É frase de sona a que Eusebio, consciente de ser unha gloria nacional, pronunciou cando se soubo da morte da fadista Amalia Rodrigues: Portugal tiña a Amalia e tíñame a min; Amalia foise…quedo eu.
Non hai coincidencias entre os escritores cando se trata do fútbol. Albert Camus e Conan Doyle foron porteiros a gran nivel. Para Borges o fútbol era, senón noxento, polo menos parvo pero sospeito que na nenez, se a tivo, Borges nunca se achegou a un balón de fútbol. Umberto Eco e Nabokov eran afeccionados e alguén insospeitado como Miguel Delibes, dedicou ao fútbol algún libro o mesmo que Javier Marías, Juan Cruz ou Vicente Verdú e para que falar dos Benedetti, Galeano, e demais escritores latinoamericanos entre os que é moi raro atopar algún que non se ocupara do fútbol.
Portugal debe ser o único país do mundo no que un equipo da primeira división leva o nome dun dramaturgo: O “Gil Vicente” de Barcelos, suposto e improbable berce do dramaturgo (1465-1536). É como si en España tivéramos un equipo que se chamase “Lope de Vega” que xogase contra o Barcelona ou contra o Celta ou en Inglaterra o “Shakespeare fútbol club ” xogara contra o Manchester City ou o “Daniel Defoe”. O de Shakespeare, tería xustificación xa que, polo menos, en dúas das súas obras, unha delas nin máis nin menos que “O rei Lear”, fala do fútbol, iso si, do fútbol medieval británico que daquela era unha lea na que participaban xogadores sen límite definido e sen outras regras que levar o balón ata un punto, cos pés, coa man, ou como fose. Non hai moito xogaba na primeira división española o Numancia e os brasileiros teñen o Vasco de Gama fundado por emigrantes portugueses, pero non é, penso eu, a mesma cousa. Non sei pero se cadra, se os equipos levaran nomes de escritores ou científicos pode que non houbese tantas liortas entre os seareiros. “Gil Vicente club de fútbol” contra “Real Club de fútbol Cervantes Saavedra”..[1]. Antes de encetar o partido, en vez dos himnos, leríanse polos altofalantes, anacos do “Quixote” ou do “Auto da barca do inferno”… Si… serían máis difíciles as leas… creo. Sei lá…
[1]Existe un club de fútbol Cervantes en Argamasilla de Alba pero é de 2ª rexional e de Ciudad Real, territorio cervantino