Non se sabe moito da existencia de Nasrudin, unha especie de filósofo popular, persa, azerbaiano ou turco segundo as fontes, que dende o século XIII en adiante representou no Islam o papel, hoxe impensable, dun crítico que conta historias e chistes para endereitar os excesos dos fanáticos e dos gobernantes. Vencellado á tradición sufí, as súas historias, hai que supoñer que apócrifas moitas delas, foron recollidas en escolmas que percorreron o Mediterráneo e chegaron ás terras da Cristiandade onde moitos escritores as contaron de novo. Unha desas historias é,cando menos, insólita, (para vir de onde ven aínda que aquel Islam era outro). Un certo día, Nasrudin atopa unha lámpada de aceite, como a de o Aladino das 1001 noites. Da lámpada sae un xenio (un djiim)disposto a lle conceder o que lle pida. Nasrudin, pide volverse máis espelido, que a súa intelixencia medre cinco, dez, vinte veces. Concedida a petición, a sona de sabio de Nasrudin espállase por todo o mundo coñecido e chega a ouvidos do sultán que o converte en Gran Visir para que arranxe os problemas de goberno. Abafado por problemas que nin a súa sabedoría é quen de arranxar, Nasrudin chama de novo o xenio e pídelle que multiplique por cen a súa sabedoría. O xenio, pampo por unha petición semellante esixe confirmación: “¿Queres de certo que multiplique por 100 o teu saber?”. Nasrudin esixe esa multiplicación. O xenio, obedece e Nasrudin queda de socato convertido… nunha muller.
Na Arabia saudita de hoxe, en Nixeria, na Siria do estado islámico, en Libia i en tantas outras nacións islámicas, seica non coñecen ou esqueceron a Nasrudin. O día que o lembren, falamos… polo de agora, mellor non.