Decidira por razóns que agora non veñen ao caso, renunciar a ser galego e acollerse baixo unha identidade española que pensaba menos étnica. Deixar de falar e de escribir en galego foi, non sen algúns problemas, cousa doada de arranxar. É certo que nos primeiros tempos excedeuse un pouco cos, “he llegado” , “he llegao” ou “he sabido” e que “carajo”, foi moito tempo, unha palabra fuxidía que poucas veces xurdía sen esforzo afogada polo mais doce “carallo” nativo, pero, o asunto lingüístico quedou resolto en poucas semanas. Máis complicado foi o esquecemento e abandono do que os investigadores da pragmática da lingua chaman, “máximas da conversa” que, entre galegos, teñen o seu particular feitío. Aprender a dicir, “si” e “non” no canto dos “xa veremos”, “depende”, “asegún”, “deixa que xa” ou “ti vai facendo” , supuxo, cómpre recoñecelo, un esforzo titánico pero de pouco mérito se facemos a comparanza co que precisou para afrontar o mito coñecido entre antropólogos culturais e xentes non nativas, como, “o problema da escaleira”. Por un azar afortunado, mentres zapeaba no televisor, atopou en Teletienda o anuncio dun cursiño para arranxar estes casos complicados:
Aprenda a subir ou baixar unha escaleira de modo inequívoco. En dúas semanas todo o mundo saberá se vostede sube ou baixa unha escaleira. Co noso método, vostede poderá demostrar aos seus amigos e mesmo a descoñecidos, se vostede sube ou baixa unha escaleira sen posibilidade de equívocos.
O primeiro exercicio semellaba doado. Tiña que se poñer de costas ao comezo da escaleira e subila cara atrás repetindo mentalmente, “estou subindo a escaleira”. Unha vez no alto, tiña que repetir a operación baixando de costas os banzos sen mirar atrás e repetindo mentalmente, “estou baixando a escaleira”.
Tratábase de impoñer no caletre a dirección do movemento, ascenso ou descenso, sen ter en conta a posición frontal ou dorsal do corpo de xeito tal que, a mente galega así exercitada, deixara de emitir sinais confusas ou contraditorias sobre a dirección do movemento.
O segundo exercicio era máis complicado. Está baseado no test de Stroop no que hai que dicir a cor ou ler a palabra que se presentan nunha folla. Por exemplo: a palabra AZUL pode estar escrita con tinta verde, roxa ou azul e, segundo os casos, se lle pide a quen fai a proba que conteste de xeito inmediato ben a cor ou ben a palabra cousa nada doada de facer sen equivocarse. Neste exercicio, adaptado á escaleira, o terapeuta, pois, é un terapeuta, confunde ao cliente dicíndolle que está subindo cando baixa, que baixa cando sube ou que sube e baixa cando realmente o fai mentres o cliente ten que contestar dicindo o que de verdade está a facer
Superados estes exercicios o cliente ten que se someter a un exame no que público alleo e nativo ten que determinar en votación secreta se o cliente que sube ou baixa a escaleira é galego ou non. Se os alleos afirman que o da escaleira non é galego e os nativos non están seguros, o tránsito estará rematado con éxito e o cliente poderá emigrar coa certeza de que ninguén saberá a súa orixe e pensarán que é nativo de Madrid ou de Peñaranda de Bracamonte.
Cómpre con todo facer unha advertencia. O antigo galego deberá evitar as escaleiras mecánicas pois móvense de seu e segundo tiña estudiado don Álvaro Cunqueiro, algunhas son galegas e non é doado saber se suben ou baixan polo que empregar algunha delas pode levar á unha recaída no antigo comportamento.
Din que hai unha escaleira mecánica en A Coruña que baixando leva á quinta planta. Igual é verdade…