Non son poucos os músicos clásicos que fixeron da música popular ou folclórica a fonte das súas sinfonías, concertos ou ballets. Mahler, Stravinsky, Ravel, Brahms, ou Falla están entre eles. O caso contrario acontece tamén nalgunhas ocasións e melodías que naceron nas salas de concerto ou nas óperas pasan a ser pezas anónimas populares das que moitas veces ninguén lembra a súa orixe como o Himno á alegría de Miguel Ríos ou o Concerto de Aranjuez que cantaba Charles Aznavour. Beethoven compuxo a sonataWaldstein para piano,tamén coñecida como Aurora,(opus 21),en 1803-1804. Coa Apassionatta, da que Lenin gustaba tanto como desconfiaba pola súa beleza, é unhadas dúas sonatas para piano de máis sona das moitas que Beethoven compuxo.
Ramón Sumay foi un gaiteiro de Catoira, fundador do grupo Os Aeereiras, traballador de Ferrogres, que nos anos 40 do pasado século compuxo a Muiñeira do Areal que Milladoiro recuperou e fixo aínda máis popular do que era, en tempos mais achegados. Non sei si Sumay daquela, cando os aparellos de reprodución de música eran escasos e as audicións en vivo aínda moito máis escasas, coñecía polo miúdo a música de Beethoven i en particular a Sonata Waldstein pero as semellanzas entre a Muiñeira do Areal e parte do Allegro con brío da sonata de Beethoven son evidentes. Antón Seoane, músico de Milladoiro, que pensa que Sumay non coñecía a peza de Beethoven, recoñece a semellanza e sinala que o compás do 6/8 ten a propiedade de que a pouco que un se despista “aparece unha muiñeira ou unha tarantela. Tanto ten. A Sonata Waldstein é fermosa e a Muiñeira do areal, tamén.
https://www.youtube.com/watch?v=dL0JLNt_3EE. (Sonata Waldstein. Os compases da “muiñeira” comezan aos dous minutos mais ou menos.
https://www.youtube.com/watch?v=lLr7T8d7PMA. Milladoiro. Muiñeira do areal.