No segundo libro de A República, de Platón, Glaucón, que polemiza con Sócrates sobre a xustiza, conta a historia do anel de Giges, un pastor que traballaba ao servizo do rei de Lidia que, un día, despois dun trebón, atopou un anel de ouro medio soterrado que puxo no seu dedo maimiño. Axiña se decatou de que cando lle daba a volta ao anel volvíase invisible e abondaba con lle dar de novo a volta para recuperar a visibilidade. Aproveitando esta propiedade máxica, Giges, mata ao rei de Lidia, casa coa raíña e convértese no rei. Glaucón reta entón a Sócrates e pídelle que imaxine o que un home con ese anel podería facer. Collamos, di Glaucón, dous aneis que entregamos a un home xusto e a outro inxusto. O inxusto fará o que sempre fixo, agora, sen medo. O xusto, protexido polo invisibilidade do anel, e puidendo roubar, asasinar violar sen medo ás consecuencias, di Glaucón, volveríase inxusto porque ninguén é xusto pola súa vontade senón pola forza… A resposta de Sócrates en A República, longa, demorada e con moitas reviravoltas, non é, cómpre dicilo, moi convincente, e un sente a forza do argumento de Glaucón que é acaído coa propia experiencia da vida e co que hoxe estamos a vivir pois, na idea de Glaucón, os homes, que procuran, coma todos, tirar proveito da vida, están máis preocupados pola súa reputación que polo que fan, máis por parecer que por ser. Supoñamos, di Jonathan Haidt comentando esas leas morais que, cando nacemos os deuses fan rodar unha moeda para decidir o noso ser. Se sae cara, seremos ao longo da vida xustos e honestos pero todos os que estean ao noso arredor pensarán que somos uns canallas trampulleiros. Se sae cruz, seremos mentireiros e aproveitados cando o precisemos pero todos os que estean ao noso carón pensarán, (se ninguén nos descubre) que somos xustos e honrados, e dicir, seremos un das ducias e ducias de políticos corruptos que asolagan o país . ¿Qué escoller?. Sócrates dirá que debemos escoller cara polo noso ben pois é mellor ser bo que parecelo. Glaucón non ten dúbida de que, “parecer”, cruz, é o que conta. Moitos séculos máis tarde, o xornalista americano, H.L.Mencken, tivo unha idea, certamente cínica, da chamada, voz da conciencia que Glaucón aprobaría: Conciencia é o que nos avisa de que alguén pode estar mirando… Polo menos no caso dos corruptos, parece que Mnecken estaba no certo.
Moitos políticos (a lista é longa) seica pensaron que, o seu anel de Giges, (as súas militancias ou postos de poder), daríanlle, como así aconteceu, unha reputación de “moi honorables” que os libraría das consecuencias de todas as falcatruadas que puideran cometer. Unha morea, (pero non todos) de “honorables” alcaldes, deputados, banqueiros, empresarios e sindicalistas de todas as ideoloxías, confiaron que a súa invisibilidade estaría garantida por eses “aneis” o que lles permitiría aceptar subornos, prevaricar, acosar, usar obscenamente tarxetas de crédito ou mesmo roubar, sen consecuencia ningunha. Para moitos afortunadamente para nós, non foi así, pois os aneis ás veces teñen algunha eiva non prevista.
Un exemplo menor, non económico senón moral pero, salientable, relevante e achegado, é o caso do anonimato nos blogs e nas redes socias que están hoxe cheas de Giges que abeirados por esa invisibilidade do anonimato, coa súa identidade (reputación) a salvo, aldraxan, menten, calumnian ou enganan a eito dándolle a razón a Glaucón fronte a Sócrates.
John Mullan no seu libro sobre, O Anonimato na literatura inglesa, daba seis razóns para este comportamento no eido literario que vale para a escritura internáutica : malicia, burlas, medo ás represalias, modestia, disimulo do xénero sexual (entre as mulleres en tempos pouco acaídos para elas), confesar aforrando a vergoña que traería o ser recoñecido ou manter a liberdade de xuízo na crítica literaria. Burlas e malicias, baixo o abeiro do anel de Giges, inzan como andazos cancerosos nas redes sociais e atinxen tanto a figuras públicas coñecidas como a xentes máis do común que por razóns varias e de xeito paradóxico, pasan do anonimato ao eido público, ás máis das veces de xeito efímero. As demais razóns para o anonimato, poden estar xustificadas, aínda que para “medo ás represalias” cumprirían certos matices. Claro, que sempre haberá quen faga pasar por liberdade de xuízo na crítica o que non é máis que burla ou malicia. !Éche o que hai…!