Foi unha desfeita para min; sentín unha dor moi fonda dí Naipaul (Trinidad, 1932) falando da morte do seu gato Augusto en conversa con Isaac Chotiner no xornal The New Republic do 7- 12 –12. Este premio Novel foi descrito por un crítico como home dunha grande honestidade e moi cativa sensibilidade. Tiña razóns de abondo para dicilo. Cando a súa primeira muller, Patricia Hale, que loitaba contra un cancro de peito, tiña algunha remisión temporal, Naipaul, deixábaa soa longos períodos de tempo nos que mantiña relacións amorosas serias con outras mulleres ou con prostitutas. As recaídas da súa muller, recoñecía Naipaul, acontecían despois desas relacións. Podería dicirse, confesou ao seu biógrafo, que eu, a matei. O dia seguinte da cremación da súa muller, Naipaul levou á vivir con el na que ata entón fora a casa matrimonial, a Nadira, unha xornalista pakistaní coa que levaba tempo enleado. A cativa sensibilidade de Naipaul ía máis alá do eido íntimo. Non é, por exemplo, moi agarimoso coa literatura inglesa (nin Dickens, nin Jane Austen, nin Orwell teñen o seu aprecio) e tampouco coa literatura escrita por mulleres: leo un anaco e xa sei se é dunha muller…
Despois dunha longa amizade de 40 anos, Paul Theroux, novelista e escritor de libros de viaxes de sona recoñecida, rifou con Naipaul e dixo que era un home cuñicha, misóxino, lercho e ofensivo aínda que seguía pensando que era un escritor brillante (é certo) e hai dous anos volveron falar. O problema é que moitos coñecidos de Theroux definen a Theroux case como el describe a Naipaul.
Todo un tipo este Naipaul. Mellor tratalo só por escrito.
A Curzio Malaparte (1898-Roma:1957) foi a morte do seu can Febo a que o levou a un estado moi semellante ao de Naipaul pero Malaparte non casou e nunca se comportou coas mulleres como facía Naipaul e de feito, aínda que non era homosexual, non se comportaba case de ningunha maneira. Unha delas, unha suposta amante, dicía, que era un home encantador, pero… pedíame tan pouco. A historia de Febo contouna Malaparte na súa novela A Pel co tremendismo que definía a súa escrita. Febo pasou con el o desterro en Lipari que lle impuxera Mussolini. Cando volveu a Nápoles, alguén lle roubou o can. Buscouno sen pouso até que o atopou nun laboratorio onde se facían experimentos con estes animais. Febo estaba deitado nunha mesa cirúrxica, co bandullo aberto, cheo de tubaxes pero consciente. Malaparte tivo un arreguizo cando veu que o can o recoñecía pero non ladraba, Preguntoulle a un dos investigadores as razóns polas que non ladraba Febo nin os outros cans que tamén foran roubados e vendidos ao laboratorio. O médico díxolle, que antes de facer experimentos con eles, cortábanlle as cordas vocais para que non puidesen ladrar.
Na fermosa biografía que lle adicou Maurizio Serra hai datos de abondo para entender a Malaparte. Era, sempre segundo Serra, mitómano, narcisista, exhibicionista, ávido de diñeiro e de praceres, un camaleón disposto a servir a todos os poderes e servirse deles pero ao tempo,o moderno intérprete da decadencia de Europa. Foi voluntario na I Guerra Mundial no batallón Garibaldi, que loitaba contra os alemáns ( seu pai era alemán), onde foi condecorado pola súa valentía e tivo ao longo da súa vida máis de 20 duelos algúns con feridas graves.
As dúas grandes novelas que escribiu, Kaputt e A Pel, son aínda hoxe, 50 anos despois de seren publicadas, dúas obras mestras que desmenten o que os seus retranqueiros críticos neorrealistas da postguerra dicían del: que tiña infinitas imposibilidades.
Serra, na biografía non cala nada pero non pode agochar a súa admiración por Malaparte. Simpatizaba co fascismo rosso, o de “esquerdas”, escribe, que acolleu a outros que coma el mesmo, despois se fixeron comunistas como Elio Vittorini: Apátrida ideolóxico ten tan pouco de escritor de dereitas como Pavese e Passolini de esquerdas aínda que a estes últimos perdoáronlle o que non lle perdoaron a Malaparte, se cadra, polos seus costumes estéticos: Usaba maquillaje, afeitaba mesmo o dorso das mans e o peito, usaba gomina, pintaba as unllas pero non era homosexual aínda que as mulleres, e tivo moitas, o aburrían e cansábase delas moi cedo. Para dar conta dese desleixo polo femenino e por outros asuntos, Serra di que, en lugar de sentimentos tiña unha estética.
Non sei, pero parece que é mellor ter un can ou facer como Antón Tovar que nunca puido ter un can pois era do seu pai..