George Bernard Shaw, un dos irlandeses premios Nobel de literatura e de sona acreditada polo súa retranca espelida, dixo unha vez que, o baile era a expresión vertical dun desexo horizontal lexitimado pola música. No seu vals-fado, Valsa das Paixoes, Marco Rodrigues e Mafalda Arnauth teñen unha idea menos erótica e máis espiritual: Dançar e chamar corpo ao pensamento. Os portugueses son así.
Non todos os bailes, coido eu, acaen coa idea de Shaw. O vals, que naceu nos primeiros anos do século XIX e que hoxe semella dunha cortesía corporal finiquiteira, foi considerado no tempo case obsceno pois permitía o contacto físico entre os danzantes cousa que non acontecía ata entón (entre as clases medias) pois os bailes esixían varias parellas que, como moito, collíanse as mans con luvas entre paso e reverencia. De feito, antes dese tempo, mantíñanse afastadas as parellas e as clases.
No século XVIII as danzas eran diferentes para cada clase social e Mozart, no segundo acto de Don Giovani, fai que tres bandas interpreten tres danzas diferentes: un minueto para a nobreza, unha contradanza para os burgueses e unha danza popular para os campesiños. Non foi ata mediados do XIX que todos os grupos sociais bailaron as mesmas danzas e pasos, mais, iso si, en lugares diferentes.[1]
Baile en Fort Apache de John Ford
Coa chegada do Tango a expresión vertical do desexo horizontal de Shaw fíxose moito máis explícita. Se non consumaban en vertical, era case como se o fixeran pois ao cabo, o tango tivo o seu berce, (un dos seus berces) nos lupanares da Boca de Bos Aires. Reptil de lupanar ,creo que así definía Leopoldo Lugones o tango. A relación de Borges co tango foi plural. Tiña certo desprezo pola Cumparsita pero deu catro conferencias sobre o tango que foron recuperadas e publicadas hai uns anos. Borges rexeita as orixes populares do tango. Abonda con saber, di, cales foron os primeiros instrumentos cos que se tocaba: violín, piano e frauta que non son instrumentos populares. Popular era a guitarra que como o bandoneón chegou ao tango anos despois. Nos seus comezos, a xente popular non aceptaba o tango pola súa orixe de bordel e pode que tamén porque o bailaban os homes velaí que non sexa doado de entender a Cioran, un asceta melancólico, para quen a música de Bach era o máis achegado á divindade que podía imaxinar que, nos seus Cahiers escribe: Son un gran amante do Tango… A miña única e derradeira paixón foi o tango arxentino… Quen o diría. Tamén o chotis foi considerado un baile de cópula por Rafel Salillas un médico criminólogo nos derradeiros anos do século XIX.
Estes bailes de pasos formalizados, de parellas definidas, sempre na compaña de música en vivo de bandas permitían algo que hoxe é, senón descoñecido, case imposible: falar. Home e muller seducíanse mutuamente cando era o caso, falando e bailando. Hoxe o baile, polo menos o da mocidade, é segundo Roger Scruton, algo moi diferente ao que facían os seus pais, ou se cadra, os seus avós. A música é asunto dun DJ …. Non hai pasos formalizados…. non hai parella estable coa que coordinar movementos e falas… hai un pulsar abafante e monótono onde harmonías e melodías están reducidas ao elemental que sincronizan en espello os movementos espontáneos… a sexualidade segue presente pero agora son corpos mudos os que a espertan.
O reptil de lupanar semella hoxe un niño de velutinas. !Éche o que hai!.
[1][1] Blanning.T. El triunfo de la música. Acantilado. 2011.