Hai dúas máximas aniquiladoras, escribe George Steiner a propósito da envexa que ás veces apodrece (tamén) a amizade entre artistas e escritores: «Nas desgrazas dun amigo hai algo que non nos desagrada»; «Non basta con triunfar, hai que ver fracasar a outros, preferentemente a un amigo». Steiner engade: Que negue estas desagradables verdades quen se atreva. Non sería difícil levar estas máximas a outras relacións se un se permite a si mesmo este tipo de sentimentos.
Aínda que, coido que, polo menos a primeira é de La Rochefoucauld, son máximas para as que só o idioma alemán ten palabra definida, schadenfreude, (pracer polo infortunio do outro) un retorcido sentimento que, sen ter palabra específica para nomealo, non é descoñecido en ningunha lingua, pero esas dúas máximas que menciona Steiner non tratan da envexa. Na envexa é o triunfo dos outros o que nos doe. Na schadenfreude, resúltanos pracenteiras as súas desgrazas.
Steiner, falecido hai pouco, de pais xudeus centroeuropeos, nai vienesa e pai checo, criado en Francia e Estados Unidos, políglota natural desde a nenez, (francés, inglés, alemán) e con outras varias linguas aprendidas, profesor de literatura comparada nas mellores universidades do mundo, autor de varios libros imprescindibles no que atinxe á cultura ou a crítica literaria, sempre foi consciente de que hai unha distancia insalvable entre un poema ou unha obra de ficción imperecedoira e o mellor discurso crítico. Desa distancia, do recoñecemento de que non está dotado para a creación de historias ou personaxes memorables, nace a súa envexa da que é o bastante consciente como para escribir sobre ela como si estivera analizando criticamente un texto de Sófocles ou Shakespeare, e iso que, coñecía de primeira man eses sentimentos. Escribe: «Nos meus cincuenta anos de ensinanza tiven catro discípulos, tres homes e unha muller, máis capaces, máis orixinais, máis abertos á crisis e á la modernidade ca min. Dous, por motivos políticos ou psicolóxicos, atacáronme. Ridiculizaron a miña obra. Un seguiu sendo máis ou menos cortés e condescendente comigo. O carto castigou as miñas esperanzas con actos de autodestrución o que é a reprobación máis asañada…»
Non é doado escribir un texto como este. É o relato dun sentimento resignado de quen sabe que os “fillos” deben destronar o pai para crecer pero todo pai espera unha certa benevolencia nos seus ataques si pola razón que sexa, non hai lugar para o agradecemento.
Claro que o influínte pai de Steiner debía ser un home “especial” que algo sabía tamén destes sentimentos. Por razóns descoñecidas non apreciaba aos franceses. Dicía que, calquera cidadán podía vender a súa nai pero que un francés, podía regalala.