INGLATERRA- ESPAÑA
En certo modo di George Steiner, o pequeno Canal da Mancha é máis ancho que o Océano Pacífico. Non lle faltan razóns. Lémbrese aquel titular do Times cando un furacán cortou o tráfico marítimo no Canal: O continente illado. Moito do que acontece hoxe co Brexit ten que ver, polo que se sabe, con ese especial feitío de carácter que seica é propio das xentes que viven nunha illa como a Gran Bretaña e que ven polo menos desde os tempos de Shakespeare que en A vida e a morte do rei Xoán escribía: Inglaterra á que o mar serve de cintura, ese baluarte de muros de auga que se cre a salvo das invasións estranxeiras …
España non é unha illa pero na idea de algúns escritores comparte certos trazos con Gran Bretaña. Malia as informacións que afirman que o que pasa en España é algo único e singular en Europa, hai polo menos outro país que comparte problemas semellantes. Leo en England: an elegy, do filósofo inglés Roger Scruton, que ese país é o seu. O Reino Unido da Gran Bretaña está formado por catro nacións: Inglaterra,(53 millóns de habitantes), Gales, (tres millóns), Escocia (cinco millóns) e Irlanda do Norte(1,8 millóns). Gales, Escocia e Irlanda do Norte teñen parlamentos autónomos e himnos e bandeiras de seu. Inglaterra ten bandeira pero non ten himno nin parlamento autónomo. O seu himno e parlamento son os británicos o que provoca situacións curiosas. O libro de Scruton foi publicado no ano 2000 polo que as cousas pode que mudaran algo ou moito e despois do Brexit aínda máis pero paga a pena lembrar o que Scruton escribía daquela. O concello de Londres, conta Scruton, non autorizou a un pub de Londres a festexar o día de san Xurxo, patrón de Inglaterra, porque sería unha provocación nacionalista pero autorizou sen maiores problemas festexar co horario ampliado o día de san Patricio porque era unha expresión de identidade étnica válida. A policía non permite que os taxis de Londres mostren a bandeira inglesa, a cruz de san Xurxo, cando hai algún acontecemento deportivo mentres que poden levar as bandeiras de Gales e Escocia. Nas escolas inglesas xa non se ensina a historia de Inglaterra ou ensínase como un relato de explotación e crimes, máis ou menos como se fai hoxe coa historia de España. A diferencia de escoceses e galeses que aprenden lendas nacionais heroicas e vitimistas que os engrandecen, os estudantes ingleses chegan á universidade sen coñecemento dos seus heroes nacionais e coa bretemosa sensación de que esa historia aconteceu en tempos que non son os seus e dos que nada saben. Para a maioría deles, Nelson, o almirante Nelson, heroe de Trafalgar, é Nelson Mandela e Wellintong, que derrotu a Napoléon en Waterloo, un buque. Aprenden que os ingleses estiveron implicados no tráfico de escravos pero descoñecen que foi Inglaterra o país que abraiou o mundo prohibindo e perseguindo a trata escravista e así… Non sei cales serían as respostas dos alumnos españois se alguén lles pregunta sobre quen foi Pizarro, Elcano, Zumalacárregui, don Pelayo, Felipe II, Prim, Azaña ou Bartolomé de las Casas. Sospeito que Elcano, como no caso inglés, sería un buque.
Inglaterra foi prohibida, polos propios ingleses, escribe o xornalista conservador Peter Hitchens, irmán do coñecido e recoñecido xornalista Christopher Hitchens falecido hai uns anos. As queixas de Scruton e de Hitchens teñen un precedente ilustre. George Orwell escribía en England, your England en 1941 que hai algo distintivo e recoñecible na cultura inglesa, dicía. É tan peculiar como a española pero engadía:
«Inglaterra pode que sexa o único país no que os seus intelectuais se avergoñan da súa propia nacionalidade. Nos círculos esquerdistas sempre se ten a sensación de que é un deber mofarse das súas institucións… Calquera intelectual inglés sentiría máis vergoña poñéndose firmes ao escoitar o «Deus salve ao rei», o himno nacional, que de roubar a esmola dos pobres».
Malia a súa anglofilia, non era o caso de Borges que confesaba ter tan mal ouvido musical que cando escoitaba soar unha música púñase de pé porque podería ser o himno nacional.
Para Orwell como para Scruton, este desprezo polo inglés de moitos dos seus intelectuais non era doado de entender. O desprezo do español, tampouco pero polo menos, temos compañía.