Non é o verán o tempo no que me achegue máis aos libros como semella que é costume. O ler, é no meu caso algo que non ten horas nin estacións axeitadas senón algo cotián. No feixe de libros que leo saltando entre eles segundo me pete ou conveña atopei estes días unha cita coincidente en dous escritores que adoito reler, Pascal Quignard e Kapuscinski . Os dous lembran a historia de Hu-Yo tal como a conta Chuang Zhu, ou Zhuang Zi, ou Tchouang Tseu pois dese variado xeito se transcribe o nome orixinal deste filósofo chinés do século IV a.C. Non atopei esta historia nunhas pretendidas Obras Completas de Chuang Zhu pero os dous escritores que a citan teñen a miña confianza e se non é del como se o fose.
En tempos do emperador Ti Yao, Hu Yo recibiu a visita duns oficiais enviados polo emperador que lle pediron no seu nome que se fixese cargo do imperio. Hu Yo sentiu tal noxo ante a proposta que non puido responder. Foi durmir e pola mañá cedo fuxiu ao monte Tsi-Chan antes de que acordasen os oficiais imperiais. Alí acolleuse ao abeiro duns penedos, deixou as súas cativas posesións no chan e achegouse a ribeira do río para lavar as orellas. Tchao-Fou, que rexeitaba as cousas políticas aínda máis que Hu Yo, vivía preto de alí nunha pequena ermida no medio da matogueira das abas dun outeiro sobre o río. Baixou co seu boi a darlle de beber no río onde Hu Yo lavaba as orellas. Achegouse a Hu Yo e preguntoulle pola razón dese lavado. Hu Yo díxolle que o emperador encargaralle gobernar o imperio polo que precisaba lavar as orellas que escoitaran tan noxenta proposición. Tchao Fou tivo un arrepío. Tirou da corda do boi e non lle permitiu beber nunca máis dese río onde Hu Yo lavara as orellas que escoitaran esa noxenta proposición.
Pablo Iglesias pedindo a esmola dun ministerio. Pedro Sánchez gardando todos para sí. Cuspidiños a Hu Yo.
HU YO
Comparte esta noticia:
Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir