OITENTA E MOITOS
Tomaba un viño mentres lía os xornais nunha cafetería do centro. Nunha mesa a uns metros de onde eu lía, estaban sentados de parola, un a carón do outro, un home de mais de oitenta anos e unha muller de idade semellante. Non había neles nada que convocara ningunha ollada curiosa. Vestían de xeito corrente como é costume na xente desa idade, case de certo, de orixe rural e se non me paso de adiviño, con anos de emigración nas costas. Era mércores, así que se cadra, viñan de se manifestar perante a Delegación da Facenda en defensa da compatibilidade das súas pagas. Nun momento que levantei a mirada do xornal, a situación mudara. O home estáballe dando un bico longo, moi longo á muller, bico axustado ao repertorio erótico máis adiantado e tiña cinguida á muller cunha aperta estreita. Non foron segundos; foron minutos, (o iso pareceume a min), nos que alleos a todo o que os rodeaba mantiveron esa aperta e bico mentres os camareiros miraban sen mirar e os demais clientes mergullámonos nos nosos xornais. De alí a un pouco, marcharon. El cun caxato pero movéndose lixeiro; ela sen precisar desa axuda.
Un día despois, nunha librería sobre as once da mañá. Un crego de oitenta e moitos anos, que polo que falaba e polo que logo preguntei aos libreiros, leva toda a vida de párroco nun pequeno concello rural da provincia, estaba metendo nunha carteira de coiro moi luída, un voluminoso tomo de Schopenhauer, outro de Kant e deixou encargados para o mes vindeiro, un libro de Zubiri que non tiña e outro de García Morente. Este humilde crego rural que seica atende cinco parroquias ademais da súa, ven todos os meses á librería na procura da súa dose de lecturas, (sempre de filosofía e disciplinas fronteirizas) e, cómpre dicilo, non son unhas lecturas calquera. Os libreiros supoñen, que polos seus moitos anos de cliente ten unha moi abastada biblioteca filosófica que debulla devagar porque unha vez cumpridas as súas tarefas eclesiásticas, non ten “outra cousa que facer”, así que, le.
Non abonda con dúas anécdotas para tirar a conclusión de que, polo que se ve, nesta provincia de vellos semella que os pulos eróticos dalgúns “vellos e vellas” e os intelectuais de “algún” outro de máis de 80 anos non estiñaron pero conveñamos en que algo revelan. Clientes e camareiros, afeitos a ver bicos e apertas entre a mocidade en público como se foran invisibles, non sabían como facer invisible a escena desa “mocidade” de máis de 80. Era, penso eu, o mesmo pudor ou mesmo, a imposibilidade que teñen os fillos para imaxinar aos pais en traballos amorosos. Se a cousa non é doada cos pais…¿que dicir dos avós?.
Claro que se cadra, tampouco saberían (saberíamos) como nos comportar se un home ou muller de 85 ou máis anos pide un viño e ponse a ler na mesa do café un abastado tomo da Crítica da Razón Pura de Kant. A iso tampouco estamos afeitos hoxe e non sei que espertaría en nós máis abraio, si a “performance“ amorosa dos primeiros ou a lectura filosófica en público do segundo.