Estou moi nervioso, foi o saúdo co que se presentou ante o propietario do café El Cercano e ante un servidor o escritor e actor Suso Lista. Eu quedei abraiado, alucinado ante as súas palabras, e ó mesmo tempo, xa lle comentaba: “que digas ti iso…”, en clara referencia á súa vocación cinematográfica, teatral e literaria. Porque Suso Lista ía presentar no café citado o seu terceiro libro, logo de batallar xa co público con “Salseiros”, no 2014, e con “Xeixos”, un ano máis tarde. É dicir, que entre as presentacións literarias e as actuacións cinematográficas xa debería ter certa veteranía para quitar de seu eses medos. Claro que tamén é verdade que, a todo actor que se prece, sempre lle oín aquilo do “medo escénico”, moito antes de que o Santiago Bernabéu se apoderase desa expresión. E sei de actores moi veteranos (tanto por traballo como por idade) que chegan incluso a vomitar uns minutos antes de subirse ós escenarios. Como digo eu: o medo é libre.
E ó mellor foron os nervios (vai ti saber!), pero o caso é que nunca nos rimos tantos nunha presentación literaria ante as ocorrencias e a forma de destripar os relatos do seu libro. En cada frase que soltaba, en cada anécdota que contaba dos seus veciños, da súa vida, zas, argalladas ó canto. O recanto do café, ateigado de xente, converteuse nunha festa amena, nunha presentación entrañable sobre un libro cheo de relatos que daban e que dan para nadar nel.
Suso Lista presentouse en El Cercano o pasado 25 de outubro para descubrirnos “Charamuscas”, terceiro libro da triloxía sobre os tres grandes elementos (auga, terra e lume), composto por 21 relatos breves -aínda que dous deles teñen unhas 30 páxinas- moi fáciles de ler e con protagonistas, practicamente todos eles, reais. Eses personaxes, baixo a pluma do autor, dan a impresión de surrealistas. Adoita plantarlle cara á morte en plan fanfurriñeiro (quizais para vencer aquel medo, aquel susto que se levou un día cando andaba de percebeiro e unha onda estivo a piques de mandalo ó mundo do máis alá) e así o reflicte na maioría dos seus relatos. Tipo divertido, tanto no persoal (xa digo que escachamos coa risa) como na ficción, na escritura. Os seus relatos amosan todo ese humor característico da Costa da Morte.