Indro Montanelli, xornalista italiano dos de “antes”, conta nas súas Memorias que, en 1949, o capo mafioso Calogero Vizzini definía a Mafia do modo seguinte:
En toda sociedade hai unhas persoas que arranxan as situacións cando se volven complicadas. Esas persoas son xeralmente os funcionarios do Estado. Cando non hai Estado ou non ten forza de abondo, estamos os “particulares”….
Para Montanelli, con esta Mafia que axudara daquela no desembarco en Sicilia das forzas aliadas, aínda se podía pactar xa que nunca mataría nenos, mulleres ou xuíces pero as cousas non foron por ese rego e a Vizzini sucedeuno Totó Rina que non respectou eses límites.
Hai agora, coido eu, un novo tipo moderno de pequena Mafia no que os servidores do estado, os políticos, son tamén os “particulares” pois arranxan os problemas da (súa) “famiglia” con grande eficacia, de xeito institucional cando cadra, e cando non cadra, cos xeitos dos “particulares”, aínda que por suposto, non o fan ao xeito de Vizzini, nin de Totó Rina. Abonda con conceder aquí e non alí, obras e subvencións a persoas ou empresas que pagarán pola concesión e así vanse arranxando as cousas. Malia ese feitío tan “administrativo”, o saber popular bautizou a un destes padrinos, non co nome de don Vito, senón co máis achegado e noso de… don Vitiño. Cousas da retranca popular
O Velho do Restelo.