Cando lin, fai unhas semanas, na revista Letras Libres do pasado mes de abril, o relato “Paciente Cero”, do escritor mexicano Juan Villoro, pensei que axiña comezaba a ver a luz a literatura relacionado coa actual pandemia e que non tardarían o resto das manifestacións artísticas en facerse eco, dalgún xeito, do asunto do coronavirus. Os humanos acostumamos a repetirnos, e os artistas tamén. Sylvia Plath recordaba no seu diario, o 1 de agosto de 1950, a nota que lle enviara unha editorial rexeitando un poema seu sobre a chuvia: «tras un fuerte chaparrón, brotan por todo el país poemas titulados “Lluvia” (Diarios completos. Barcelona: Alba, 2016)».
Onte descubrín un twitter de Villoro, do 2 de abril: «Comparto “Paciente cero”, relato escrito antes de la epidemia y que acaba de aparecer. El tema es distinto. Si hay alguna coincidencia es porque el futuro es una forma del presente». A verdade é que as posibles coincidencias non son poucas: o protagonismo dos vellos, a presencia de chineses na historia ou a máis significativa, a mención ao coronavirus de Wuhan en 2020. Sospeito co twitter de Villoro é tamén literatura. En calquera caso, creo que paga a pena ler o relato, que transcorre nun México distópico e nunha nova urbe aínda máis distópica, Ciudad Juárez. Deixo o enlace e un dos primeiros parágrafos de “Paciente Cero” por aquilo de tentalos un chisco: «Cuento una historia sabiendo que ya no se cuentan historias. He vivido lo suficiente para atestiguar la desaparición de mi oficio […] En 2020, hace tres décadas, tomé un taxi. El chofer preguntó a qué me dedicaba y no entendió la respuesta. “¡¿Literatura?!”, exclamó. En aquel momento me pareció ignorante; hoy sé que era profético».
https://www.letraslibres.com/espana-mexico/revista/paciente-cero
Alfonso Mato