Contaba este mércores pasado a escritora Laura Freixas en El País que non se pode mitificar ningunha creación artística e que mesmo obras de calidade e que forman parte do canon literario, como a novela Lolita de Nabokov, deben ser analizadas e criticadas en canto, para ela, representan un exemplo, ao igual que tantos outros, de como o patriarcado manipula no seu beneficio a cultura. Imaxino que a mesma operación crítica podería facerse con obras “menores” e populares (pop), como o último vídeo de Shakira con Maluma, que din xa acumula máis de 70 millóns de visitas e na que os dous artistas interpretan “Tramp”, unha especie de canción que semella reivindicar algo así como un amor pactista entre xéneros (a letra non é que sexa moi profunda). Sempre, claro está, desde a premisa de que a arte é o que o artista decida, como di o artista Santiago Sierra, hoxe, nunha entrevista no mesmo diario, facéndose eco da ruptura/revolución que introduciron os dadaístas no mundo da arte na segunda década do século pasado. Un pensa que, desde entón, andamos á deriva… Tanto que hai quen aproveita para escandalizarse por calquera cousa.
Alfonso Mato