Tal vez o noso cerebro, a pesar da súa case infinita complexidade, tenda a ser dicotómico ou binario e, por preguiza ou eficacia, estea acostumado a funcionar en branco e negro (paixóns e vicios a parte, pois estes, teño para min, fan de nós o que queren). Como entender, senón, que Francisco Camps, o ex presidente da Comunidade de Valencia, que non foi condenado ata agora por ningún dos cargos que se lle imputaban, estivese exposto a unha grande persecución mediática e non contase apenas con xornalistas e mesmo xentes do seu propio partido que o defendesen cando se viu libre de culpa. É un exemplo que se me ocorreu hoxe cando lía a denuncia que facían certos amigos, con razón, do cativo eco que tiña na prensa galega, local e rexional, o caso dun concelleiro compostelán imputado por cargos que, ao final, a xustiza acordou que non eran relevantes de delito penal. Se non lle gustan os exemplos poden probar con outros. Lonxe de min todo afán partidista.
Só un escritor tan radical como Sánchez Ferlosio é capaz de poñer en dúbida que o seu xeito de pensar, que considera correcto en canto contido, significado e sentido, poda ser tamén dicotómico e produto da inercia mental. Como escribía nunha nota do seu libro God & Gun (Destino, 2008): «Lo que me hace desconfiar de estas filosofías o teodiceas mías es la recurrencia general y sistemática —que muchos pueden encontrar fatigosa y hasta fastidiosa— de la binariedad, no solo en parejas aisladas, sino, más a menudo, combinadas en grupos de opuestos y afines, como aquellas seis muchachas andaluzas que formaban dos grupos de tres hermanas cada uno, en que las del primero se llamaban Dolores, Angustias, Martirio y las del otro Remedios, Consuelo, Socorro». Debe ser que, como apunta tamén o propio Ferlosio: «… el pensamiento carece de humildad; y si se le hace violencia para que sea humilde —el sacrificium intellectus, que los propios creyentes estiman necesario para sustentar la fe—, lo siente como una extorsión insoportable y absolutamente deshonesta».