Onte pola tarde, no Consello da Cultura Galega, o escritor José Antonio Millán disertou sobre a lectura en España e fixo un resumo do Informe 2017 (datos do ano 2016) que sobre o tema el mesmo coordinou por encargo da Federación de Gremios de Editores de España e que se pode consultar na rede (lalectura.es). Chama a atención que sigan aumentando o número de títulos anuais publicados, máis de 80.000 (aínda que descontando as edicións institucionais, as auto edicións, os libros de texto e os non comerciais, a cantidade “só” é de 38.000), e o número de títulos vivos ou dispoñibles no mercado, máis de medio millón, fronte á diminución do número de librerías e de quioscos e o estancamento ou pequena caída das bibliotecas públicas e de centros escolares, que sofren, ademais, importantes recortes nos seus presupostos (falo en xeral: os datos varían segundo as distintas comunidades autónomas). O que máis me sorprendeu foi a afirmación que fixo Millán: sabemos que se le máis do que se lía, pero a día de hoxe seguimos sabendo pouco sobre quen le, que se le e como se le en España. Non hai apenas estudos concretos sobre a lectura na educación ou nos moitos clubs de lectura existentes no país, por poñer dous exemplos que podería iluminarnos ao respecto. De calquera xeito, son moitos os datos que as persoas interesadas pola lectura ou o mundo do libro poderán descubrir neste Informe 2017 que se abre e se pecha cos textos de dous grandes lectores. Alberto Manguel e José Antonio Millán.
Coda: A atención do alumnado de xornalismo que encheu onte o auditorio do Consello durou apenas media hora. Logo, fixeron acto de presencia os móbiles e os murmurios… Manter a atención, algo esencial para escoitar e ler, é unha práctica en desuso?