Así se chamaba unha das comparsas do carnaval de Ribadavia alá polos anos anteriores á Segunda República. Pouco máis se sabe dela, polo de agora, que o que revela a fotografía: un grupo de homes da vila disfrazados ao xeito dos fascistas italianos. Coñécense aos membros da comparsa, pero non as cancións que interpretaban e que semella foron compostas, como tantas outras da época, por Luis Brage Villar, célebre músico compostelán e director da Banda municipal de Ribadavia, La Lira, entre 1929 e 1936. A vella afección dos habitantes da vila do Avia pola música, o baile e o teatro da que xa falaba Miñano no seu Diccionario geográfico (1826-1829), rexurdiu con forza nos primeiros anos trinta do século pasado coa chegada de Brage á dirección da banda municipal. Segundo contou un dos veciños singulares da vila, O Chucho de don Jesús, aquel foi un momento de esplendor de rondallas, comparsas e representacións de zarzuelas, e tamén o do maior arrastre popular da Banda, un momento no que toda Ribadavia ía ao rabo da música. Os mozos da miña xeración aínda coñecemos, e mesmo ás veces compartimos, os restos daquela época dourada: as cancións un tanto ridículas, como case todas as de exaltación local, que se cantaban a coro na taberna do Pepe O Papuxa nos anos setenta baixo a dirección do señor Paco Couto.
Seguramente o emprego da palabra fascistas no nome da comparsa non responda máis que a popularidade que tiña o fascismo italiano na época. A pesar das simpatías que entre certas elites tivo o réxime político italiano durante a Ditadura de Primo ―o monarca Alfonso XIII chegou a falar do ditador como «o meu Mussolini»―, o fascismo non chegou á política do noso país ata a creación en 1933 de Falange Española, un partido moi minoritario que só acadou relevancia logo do trunfo da sublevación militar contra a República. O fascismo da comparsa non debeu ser máis que un xeito de disfrazarse seguindo a estética uniforme e negra dos fascistas italianos, sen chegar aos extremos destes, que chegaban a raparse o pelo ao cero para imitar a Mussolini. Cóntao Alberto Savinio, pseudónimo de Andrea de Chirico, escritor, pintor e irmán do máis coñecido pintor Giorgio de Chirico, na voz “Disfraces” da súa Nova Enciclopedia, na que tamén fala do fascismo como un fenómeno colosal e colectivo de homosexualidade (o ditador representaría o elemento activo e o pobo o elemento pasivo) e de que Mussolini, ao afeitarse o rostro e o cranio, conseguira, deliberadamente ou non, semellarse a un colosal membro viril. Será ese o atractivo erótico que din teñen os calvos? Que cousas!