Esa parte da vida, a cruel, a inxusta, contra a que non valen argucias intelectuais, nin corazas, nin experiencias (que dicir das políticas do Eu, estatais ou privadas, psicolóxicas e de autoaxuda, agás que son de risa). A que nos confirma que desde que nacemos todo é perder, perdernos e perder sobre todo aos seres queridos. A que é inmune á alegría, á coraxe, ao amor, á amizade e á palabra, cinco misterios potentes dos que ás veces gozamos. Nesa parte cavilo hoxe, a lúa arriba, case chea, cabrona e poética –unha redundancia literaria-, mentres lembro ás persoas que coñecín e coñezo e pasaron e están pasando verdadeiros calvarios. Contra esa parte –da marabillosa non falo porque é filla do azar e dese aire fresco que inesperadamente nos alcanza- non se me ocorre outra que acollerme ao que versificou Félix de Azúa nun poema que simplifico: deixarse de merengues, tensar os nervios da alma, abrir a camisa, expoñer o peito e berrar como fixera o tipógrafo leridano e republicano federal Matías de Laserna diante do pelotón de fusilamento: «¡Abajo los tres reinos de la naturaleza! / ¡Viva el perder!».