«Que pasa cando non pasa nada na miña vida? que pasa a maioría dos meus días?», pensaba onte cando ía no autobús e case me paso de parada… Moraliña: Non hai que pensar demasiado en parvadas.
Dúas frases do cómico estadounidense Bill Hicks (Georgia, 1961-1994) que teñen a súa graza: «Son un cómico e un poeta, se nalgún momento no se rin, é que iso era un poema»; «Méntennos acerca da marihuana. Din que fumala te volve apático. ¡Mentira! Cando estás cego podes facer todo o que acostumas facer. Igual de ben. Só que comprendes que non paga a puta pena. Hai unha diferencia aí».
Que razón levaba Primo Levi cando escribiu:«Se comprender é imposible, coñecer é necesario».
Cando me invade o pesimismo ao caer o día ás veces lémbrome daquel poema de William B. Yeats (1865-1939:
O viño entra na boca
e o amor entra nos ollos.
Isto é todo o que en verdade coñecemos
antes de envellecer e morrer.
Así levo o vaso á miña boca,
e míroche, e suspiro.
Advertencia: non resulta cando non tes a quen mirar.
José Luis Barros Malvar (1923-2001) foi un doutor pontevedrés que gozou de sona como cirurxián en España e no estranxeiro durante o Franquismo e a Transición , un médico humanista e antifranquista que gustaba do trato cos escritores e os artistas e que mesmo fixo pequenos papeis como actor en varias películas do seu amigo Luis Buñuel. Como o gran traballador que era, practicou a miúdo o ocio con dignidade. Como dixo José de Castro Arines: soubo perder o tempo da vida e non se enganou ganándoo. Bo comedor e bebedor, nunha ocasión, nos anos da Ditadura, alguén lle preguntou, ao saber que comezaba a ter problemas de saúde a causa da inxestión de comida e alcohol, por que non facía réxime: «Non fago réxime porque sería redundante», contestoulle.
Cando nos atopamos desconcertados diante dalgunha novidade convén lembrar o que escribiu Julio Cerón e que recordaba Miguel Ángel Aguilar fai uns meses no semanario Ahora comentando a situación política española: «Cuando murió Franco el desconcierto fue grande: no había costumbre».
1 comentario en “Apuntes do día a día (08/04/2016)”
Eso que dice el primo levi ese, lo de que comprender es imposible, solo es una bobada, porque yo por ejemplo lo comprendo todo, y por eso le caigo fenomenal a todo el mundo, en todas partes.
No como Rajoy, que cae fatal porque todo el mundo sabe que tiene la culpa del cambio climatico