Din os asasinos iluminados do Estado Islámico no comunicado reivindicativo do atentado terrorista de París, para xustificar diante dos seus seareiros a matanza de máis 80 persoas que asistían a un concerto na Sala Bataclan, que alí «estaban reunidos centenares de idólatras nunha festa perversa». Coñezo ben este ton tan querido por todos os fanáticos relixiosos porque tiven que aturalo de neno e adolescente no formato do nacional catolicismo franquista, aínda que de xeito moito máis lene que o que sofren as persoas que teñen a desgracia de vivir hoxe baixo os réximes teocráticos islamitas. Non debemos esquecer que son elas as que maioritariamente son reprimidas e asasinadas por eses réximes e polo terrorismo yihadista, sen contar as baixas, os danos colaterais, que lle inflixen as diversas potencias mundiais e rexionais que interveñen nos conflitos do mundo musulmán.
Ademais da militancia política, a música, o rock máis en concreto, foi na miña mocidade outro xeito de expresar a rebeldía fronte aquela ditadura mexeriqueira que nos abafaba. Alguén de nós, do noso grupo de Ribadavia, dixo nunha ocasión: eles cantan o “Gloria” na misa e nós cantamos o “Gloria” de Patti Smith. Eles, claro, eran os ben pensantes da vila. Nós, na nosa confusión, só sabiamos o que non queriamos ser ou a quen non queriamos parecernos. E como todos os mozos gustabamos da provocación. Xa van alá moitos outonos e aos meus anos xa non creo que aquelas actitudes servisen de moito, agás para divertirnos un cacho e levar mellor o óxido dos días. Mais hoxe, diante do comentario dos terroristas islamitas sobre os asistentes ao concerto na Sala Bataclan, sinto a necesidade de declarar que eu tamén son un deses idólatras que gustan desas festas perversas e dexeneradas. O vídeo que vai a continuación, da actuación de Lou Reed, John Cale e Nico na Bataclan, en 1972, e no que se reproduce o tema Femme Fatale, cantado por Nico, paréceme axeitado para rematar este desafogo.
https://www.youtube.com/watch?v=TSYdH4vKd6M
MATAR
Os que matan en nome dunha ideoloxía política, mesmo das que se disfrazan de relixión, como o islamismo, son os peores dos asasinos, pois na súa cegueira non son capaces de asumir que matan persoas e non se recoñecen como criminais. Oxalá os visite aquel deus que invocou Savater un día: «o deus que privou do soño ao asasino Macbetth, para ensinarlle que é o que realmente mata quen mata a un home».