Cada ano que paso no barrio, e xa van uns cantos, teño a sensación de ser algo así como o protagonista dunha novela de Peter Handke, poño por caso ese tocho infumable de case seiscentas páxinas que responde ao título en castelán de “El año que pasé en la bahia de nadie”. Deben ser ataques de trascendencia literaria. Normalmente teño remedio fácil: un par de viños á hora do lusco-fusco na taberna que frecuento, mentres lle boto unha ollada á prensa rexional e local e practico a leria cos veciños. Nada importante: política mediática e sucesos, maiormente.
Ás veces os comentarios xorden ao fío dalgún programa da televisión, o “Intermedio” ou o debate de Vía V –o patrón do local respira pola esquerda e o escándanloooo, ao menos formalmente. Hoxe tocoulle ao programa que modera a miña paisana Fernanda Tabarés, unha desas presentadoras-espectáculo que fala e bracea de máis e non sei cómo consegue poñer case sempre en ridículo aos contertulios: -«Tú saldrías a bailar?», preguntáballe a un dos participantes na tertulia despois de pasar un vídeo montaxe no que diferentes políticos, nacionais e estranxeiros, entregábanse á danza en variados actos e en distintas épocas, como querendo dicir que na política “La vida sigue igual” (Soraya de Santamaría, Miguel Iceta, Pablo Iglesias, George Bush, Yeltsin, etc.). O tipo, serio e cargado de razón, contestoulle que o momento actual, ao pé dunhas eleccións xerais, parecíalle o suficientemente trascendente como para pedirlle aos políticos que actuaran con respomsabilidade. No fondo estaba desexando saír á pista para moverse ao ritmo de “Bailemos el Bimbó”.
O programa rematou cun suceso: o do accidente do Alvia na curva de Angrois, co gallo da decisión do xuíz encargado do caso de imputar penalmente só ao maquinista. Privou, coma sempre, o espectáculo: nunha entrevista a unha das vítimas do accidente, contraria á decisión do xuíz, a cámara compraceuse nas feridas que tiña nunha perna. O mellor, con todo, foi a a publicidade que veu inmediatamente despois da sensacional reportaxe: un anuncio de RENFE, de “Tren Balnearios”, un programa para maiores de 50 anos da empresa ferroviaria e “Ourense, la provincia termal” que oferta estancias de 6 días/5 noites nos balnearios ourensáns con desprazamentos ida e volta en tren desde as principais cidades españolas.