Unha das cousas máis saudables para os que andivemos ou andamos máis ou menos arredor das esquerdas en sentido amplo é ler aos autores que se encadran no pensamento reaccionario e conservador. Qué razón levaba o título daquel número da revista Archipiélago (nº 56, maio-xuño de 2003) coordinado por Amador Fernández-Savater: “La inquietante lucidez del pensamiento reaccionario”, no que se falaba de autores como Chesterton, Heidegger, Céline, Donoso Cortés, Joseph de Maistre, Carl Schmitt, Guizot ou Jünger. Nada máis interesante que o que nos nega e nos pon en cuestión, aquilo que non deixa intactas as nosas conviccións e certezas.
Fai un tempo que lle dou voltas á obra de dous dos grandes autores galegos do século XX, os dous profundamente conservadores e mesmo reaccionarios, Risco e Otero Pedrayo. Dous dos principais construtores do galeguismo anterior á Guerra Civil. Dous autores que paga a pena ler e que, desgraciadamente, aínda non contan cunha edición crítica e completa da súa obra. Tampouco outros moitos, como Cunqueiro, o meu escritor galego predilecto, tamén conservador.
O luns pasado, por descansar un cacho de Risco e Otero, paseime a Chesterton, pois acaban de editar en Acantilado Alarmas y digresiones, unha colección de artigos que publicou no xornal inglés Daily News entre 1908 e 1910. Aproveitando que baixei á librería a mercar o libro quedeime pola parte nova da cidade tomando uns viños. Con isto da crise xa apenas quedan locais onde poder probar viños distintos, pero algún hai. Tamén é certo que a miña economía vai como vai (nin lles conto) e non está para dispendios como antano. O conto é que pasei un par de horas agradables en compaña de Chesterton, un dos mellores e máis alegres dos escritores conservadores que frecuento, e duns cantos viños, dous deles á altura dos artigos daquel pedazo de home que medía 1,93 e pesaba 134 kilos: Phincas Thousand Mils 2011, un rioxa branco fermentado en barrica durante once meses e elaborado coas variedades garnacha branca, moscatel de gran miúdo, viura, palomino e jaén branca; e un tinto da Ribeira Sacra, Facenda Prádio barrica 2012, elaborado con mencía, merenzao e brencellao. Dalgún xeito hai que poñerlle fin ao luns, un día case tan ruín como os domingos.
2 comentarios en “Un luns de viños con Chesterton”
Hermoso artículo
Se agradece ver que alguien asume personalmente que su estatus económico no es exitoso, sin complejos y mas bien con socarronería. Me alegra el comprobar que la capacidad intelectual está por encima de esa economía, aunque alguna vez resulte un placer obsequiarse con un buen vino para mejor lectura. Siga escribiendo que al menos aquí un servidor le sigue con interés, a pesar de que sea castellano de pura cepa y escriba usted en gallego. Saludos