Na súa columna de El País de onte, o escritor Julio Llamazares recomendaba para veranear ao estilo antigo –dubido moito de que hoxe se poida veranear, e moito menos dese xeito- seguir a consigna que figura nos carteis de perigo dos pasos a nivel das vías dos trens portugueses: «Pare, escute, olhe». A min paréceme unha consigna válida para a vida locomotiva que hoxe levamos. Ademais, gústame porque me fai lembrar aos meus avós maternos, el ferroviario, ela, Pepa «a guardesa», da familia encargada do paso a nivel que existía a carón da ponte de ferro, no corazón do barrio xudeu de Ribadavia.
A segunda recomendación que fai Llamazares é o pensamento, «esa actividad extraña que, de tan inhabitual, se está convirtiendo en extraordinaria y que, de tan extravagante, va a terminar por marcar tendencia». Oxalá.