O alcalde de Lalín prometeu o cargo co Sempre en Galiza de Castelao na man. Martiño Noriega nomeou no seu primeiro discurso como alcalde de Compostela ás irmás Coralia e Maruxa Fandiño, As Marías, e a Ánxel Casal, vítimas, respectivamente, da ditadura franquista e dos sublevados contra a Segunda República en xullo do 36. Tamén, en cualidade de mestres, a personaxes galeguistas como Díaz Pardo, Pousa Antelo e Beiras. E a Xerardo Estévez, a este como promotor durante os seus mandatos á fronte do concello, gobernando en solitario (PSdeG) ou en coalición co BNG, dun certo relato sobre a cidade, do que, compre dicir, xa formaban parte tanto Casal como As Marías, e mesmo Díaz Pardo, impulsor incansable na recuperación da memoria histórica, sobre todo a da Segunda República e o Exilio).
Ben sei que todas as forzas políticas empregan a miúdo símbolos para escenificar a súa ideoloxía: himnos, bandeiras, feitos e figuras históricas… E máis cando alcanzan o poder e anuncian a chegada dun tempo novo ou dunha nova era (a política tende a ser adánica e a comezar cada día por aquilo de «agora si que…»). Tamén sei que un dos obxectivos desta simboloxía é atar aos siareiros e aos cidadáns por medio da identidade e da emoción. Pasa que un descree das novas eras –todas rematan no abismo-, non ten apego polos símbolos partidistas nin patrióticos e considera que as identidades son, cando menos, desagradables. E digo isto aínda recoñecendo que algunhas veces téñome emocionado escoitando un discurso político ou un himno. Pero como di acertadamente Ferlosio: «Los que somos llorones sabemos mucho de la extraordinaria superficialidad de las emociones».