Diante do que chamamos realidade, confeso que ás veces non me faltan ganas de seguir o exemplo do vello Onetti: non saír da casa e pasar case todo o tempo na cama lendo novelas políciais. Mais… a pesar da grande inflación que sufre actualmente o xénero, non me resulta fácil atopar narracións que non me caian das mans ao cabo das primeiras cincuenta páxinas. Non só me pasa coas policiais. É moito o que se publica, moitos os que escribimos e moi difícil seleccionar con acerto. Que hoxe escriba todo dios é un fenómeno in crescendo que coas novas tecnoloxías tende ao infinito e que xa comezou a detectarse en Occidente nos anos trinta do pasado século, cando en países como os Estados Unidos, por poñer un exemplo, a educación foise xeneralizando e as persoas con estudos iniciaron a marcha cara o «yoísmo» que impera hoxe nas nosas sociedades e que se manifesta, como sinalaba o ensaísta mexicano Gabriel Zaid (Los demasiados libros), nesa vaidade hipertrofiada e incontrolada que quere a toda costa autoexpresarse, un narcisismo dexenerado que lle berra conscientemente ao outro: non me pidas atención, dáma. Non me aburras coas túas cousas, dedícate ás miñas. E aí andamos.
Ignoro a que se debe a querenza actual polo chamado xénero negro. En ocasións semella unha pulsión irresistible. Xa comentei o do xuíz compostelán encargado da investigación dun célebre asasinato na cidade que rematou por levar á ficción o caso antes de rematar a instrución do mesmo. O outro día, lendo a nova espallada polos medios sobre o que cualificaron como o primeiro asasinato da Historia, o dun individuo preneandertal cuxos restos, de 430.000 anos de antigüidade, apareceron en Atapuerca, na Sima de los Huesos, pensei: cando tardará en aparecer a primeira novela negra que se desenvolva na Prehistoria? Creo que hai moito arqueólogo no paro.
Alfonso Mato