Copio os datos que expón o economista Joaquín Estefanía (El País, 11/05/2015): España é o país da OCDE onde creceu máis axiña a desigualdade entre 2009 e 2014; a taxa de desemprego que se calcula terá o país en 2020 será aínda superior ao 20%; en 2014, o número de parados de longa duración era de 1,4 millóns; o ano pasado, nove de cada dez contratos asinados foron temporais e, ademais, un terzo a tempo parcial; a duración media deses contratos non chegou aos dous meses e un de cada catro foi de menos dunha semana; o poder adquisitivo dos salarios retrocedeu varias décadas e máis de dous millóns de empregados son considerados traballadores pobres; segundo un estudo da empresa demoscópica Myword, o 54% dos cidadáns españois consideran que descenderon de clase social.
Como indica o tamén economista Jordi Sevilla (El País, 11/05/2015), o crecemento da desigualdade no país é consecuencia dunha política económica que tratou de diluír o custe da crise mediante paro, baixadas salariais e recortes sociais. Ao final, a maioría de cidadáns traballadores rematamos pagando moito máis que os principais responsables da crise. Hai que agardar que o malestar político se traduza, polo menos, nun cambio da política económica baseada na austeridade, aínda que a desigualdade actual moito me temo que vai estar presente durante bastante tempo, cos perigos que leva consigo.
Semella que sen empregos ben remunerados é imposible contar cunha clase media maioritaria e, sen o sostén desta, resulta moi difícil que o Estado de benestar non sufra cada vez máis recortes en dereitos básicos como a sanidade, a educación e as pensións, e non derive co paso do tempo nun Estado de asistencia social mínimo que se faga cargo só dos pobres de solemnidade. Dado que a estrutura económica dun país non cambia da noite para a mañá e a española é como é, feble e incapaz de xerar hoxe emprego de calidade, non queda outra que facerse á idea de que as persoas paradas e con ingresos baixos teremos que seguir a dieta, pasando necesidades e botando man, as que poidamos, das axudas de familiares e amizades –sei dalgunhas que levan a dieta desde que comezaron a súa vida laboral, moito antes da crise (neste país os salarios sempre tiraron ao baixo). Ao mellor, mentres escampa, somos quen de crear redes de solidariedade e de cohesión social alternativas á impotencia, o nihilismo e o fastío reinantes na sociedade de masas e de consumo actual. Cando menos, hai que tratar de non perder nin a cabeciña nin a dignidade. Eu ando niso.