O ruín da política na actualidade: non é só que imperen as ideoloxías sobre as ideas, senón que o debate político redúcese a falar sobre o que fan ou comentan as distintas figuras dos partidos, eses personaxes que actúan no circo mediático (mundial, europeo, nacional, autonómico ou local) e que cada vez son máis cuspidiños aos da chamada prensa do corazón, que xurdiu cando na segunda metade dos anos corenta a prensa de amenidades comezou a ser invadida por personaxes que non facían outra cousa na vida que exercer como tales nas revistas (coméntao de pasada Encarnación Pérez Silicio falando doutro tipo de revistas nun interesante artigo: “Las revistas femeninas: falso emblema de la mujer liberada”, Revista Latina de Comunicación Social, nº 49. Pódese atopar na rede).
A política corre o perigo de quedar reducida a un espectáculo e xa hai personaxes políticos que semella non teñen outra actividade que a de twitear ou acudir constantemente ás televisións, «una suerte de nuevos liberados de la tarea de hacer política al modo convencional, dedicados a la ardua tarea de hacer funcionar el sindicato de los sentimientos», en palabras de Arcadi Espada (“Gunilla von Sánchez”, El Mundo, 06/03/2015. Tamén se pode atopar na rede). Non é de estrañar que o líder de Podedes afirmase que era mellor substituír o debate no Parlamento por outro na televisión. Ao final vai ser todo cuestión de audiencias. Mal asunto, polo menos para os que aínda confiamos un tanto nas persoas, pero nada ou case nada nas masas.
Coda: Agora que están ao caer as eleccións municipais non estaría de máis que os cidadáns nos dedicásemos a reflexionar sobre os problemas dos nosos pobos, vilas e cidades. Con sensatez e razón práctica: no marco das competencias políticas que teñen os concellos e lonxe dese «yoísmo» que acostuma a expresarse por medio da sempiterna e tan hispana e clientelar pregunta, «¿qué hay de lo mío?».