O primeiro que fan os de Xyriza, coalición de esquerdas esquerdas, é pactar cun partido de dereitas, nacionalista, teocrático, antisemita e homófobo. No do nacionalismo non hai problema, pois Xyriza tamén é unha forza política nacionalista. No resto xa non o teño tan claro… Claro que en Cataluña xa o fixeran antes os asemblearios de esquerdas da CUP (Candidatura d’Unitat Popular), cando pactaron con CIU para conseguir a independencia nacional. E fai pouco, o escritor Xavier Alcalá, nun artigo en La Voz de Galicia no que denunciaba a actual emigración da flor da mocidade galega, lembraba unha certa unidade de acción galeguista por enriba das ideoloxías políticas que ao seu parecer se deu entre certos residentes galegos cultos en Madrid durante os últimos anos do franquismo e na que participaron desde Totorita Fernández España a Andrés Dobarro, Ben-Cho-Shey ou os de Brais Pinto, para reivindicar agora mesmo a unión de todos os galeguistas nun só partido… Así, ao mellor solucionabamos o problema da emigración, e de paso todos os demais. Mentres, cantemos aquela canción de Benedicto: «É festa na miña terra, mozos e mozas veñan pra ela». Como reclamo, sen máis.
Ben é certo que un discurso que cada vez gana máis forza é que o de esquerdas e dereitas non é máis que un xogo de trileros. Aquí en España, os de Podedes son os abandeirados do tema e todos os seus líderes ou aspirantes a non fai máis que repetir que o de esquerdas-dereitas é auga pasada. Fai uns días repetía a matraca un aspirante a liderar o novo partido en Galicia, un rapaz que antes militara no BNG e en AGE. Este debeu ter unha visión similar á de Pablo, non Iglesias, senón o de Tarso, cando se converteu ao cristianismo. Tamén é posible que non sexa máis que unha estratexia de conto, a de disfrazarse de, no caso de Podedes de patriotas, defensores dunha visión simplista e totalitaria do mundo que divide á sociedade nunha caste minoritaria de privilexiados, a elite económica e os seus lacaios políticos, e todos os demais, ese pobo que sería tan bo «como pan que no sabe su masa buena», por dicilo con versos de García-Calvo. Volvemos ao branco e negro, agora en versión nacionalista…