A revista Hara-Kiri, «xornal parvo e ruín», e o semanario satírico Charlie Hebdo foron dúas publicacións que descubrín cando comecei a viaxar a Francia e á Suíza francesa alá polos anos 70. Desde entón e durante moito tempo fíxenme adicto. Mesmo cheguei a mercar o Charlie Hebdo en Santiago, cando a prensa internacional aínda chegaba á cidade con certa regularidade. O último número merqueino no país veciño fai poucos anos, no aeroporto Sá Carneiro, aproveitando unha das múltiples viaxes que fixen á terminal na miña condición de taxista familiar. Menos mal que nos queda Portugal?
Tanto Hara-Kiri como Charlie Hebdo destilaban un humor crítico, libertario e vulgar que non deixaba nada en pé e que era inimaxinable nos últimos anos do Franquismo e nos comezos da Transición. De feito, a magnífica revista española Hermano Lobo (1972-1976), que se inspirou nas publicacións francesas —tamén Por Favor, El Papus e El Jueves—, deixaba moi claras as súas limitacións no subtítulo: «Semanario de humor dentro de lo que cabe». Dos debuxantes que publicaban nas revistas francesas o meu preferido era Jean-Marc Reiser, que faleceu de cancro de pulmón en 1983. Onte acaban de ser asasinados, xunto con outras dez persoas, compañeiros da redacción de Charlie Hebdo, policías e xente de a pé, dous grandes debuxantes que estiveron nos incios das dúas revistas citadas, Wolinski (80 anos) e Cabu (76 anos).
Educado nunha dictadura antiliberal, antisocialista, católica, nacionalista e mexeriqueira, tiven a sorte de descubrir a tolerancia e a liberdade de expresión viaxando polo país veciño, lendo Hara-Kiri e Charlie Hebdo, Libération e Le Monde, a Voltaire, a Diderot e a Camus, ou escoitando as cancións de Brassens («Morrer polas ideas, de acordo, pero de morte lenta»). Non vou falar dos fanáticos que onte lle quitaron a vida a doce cidadáns dunha das repúblicas máis libres que coñeceu nunca a humanidade. Tampouco dese actor español exiliado en Cuba ao que non lle faltou tempo para twitear, segundo conta o xornalista Santiago González no seu blog en El Mundo: «“Occidente” asesina diariamente. Sin ruido». Por non falar do líder de Podedes, que condena o atentado de onte pero que fai pouco consideraba normal que o seu programa “Fort Apache” fose subvencionado a través dunha cadea da televisión publica iraní. Non me interesan as miserias ideolóxicas, sexan do signo que sexan, que intentan xustificar o que non ten xustificación. Só quixera desexarlle aos asasinos, aos de onte e aos de todos os mañás futuros, que oxalá os visite aquela divindade que invocaba Fernando Savater en “Mis dioses”: «el dios que privó de sueño al asesino Macbeth, para enseñarle qué es lo que realmente mata quien mata a otro hombre». Así sexa.
Alfonso Mato