Se me cadra pasar a Noitevella en Ourense teño por costume comezar o ano paseando de mañanciña polas rúas da cidade, cando aínda están presentes a xeada e os restos das
bandas de xentes mozas camiño das súas casas, cansas e derrotadas logo de buscar na última noite o que non hai. Nada como o frío para despexar os excesos alcohólicos e para abrir o apetito ao caldo e ao cocido do xantar familiar.
Neste recén estreado 2015 compartín paseo e café con Santiago Lamas. Non resulta fácil, polo menos en Ourense, atopar cafés ou bares abertos na mañá do día primeiro de ano, e mesmo cando descubres algún salta a sorpresa: -«Sentímolo. Non servimos. Estamos a piques de pechar». Ás 11 da mañá! Esta visto que non controlamos a movida ourensá. Ao final conseguimos tomar un café e un churro de goma nunha das moitas cafeterías carentes de personalidade da cidade (mágoa que El Cercano peche os festivos). Cando tomabamos unhas cañas noutro local, tan feo e insulso como o anterior, asaltounos un Manuel Outeiriño moi alegre que, logo de felicitarnos o 2015, comentounos que comezara o ano lendo a Lenin (por certo, e sen que teña nada que ver co comentario do Manolo, veño observando que desde a entrada na escena política española de Podedes nótase un afervoamento político nas esquerdas que non acerto a comprender). A conversa derivou axiña a múltiples temas, todos de interese, como case sempre sucede cando estás con lectores da talla de Santiago e Manolo: o perigoso declinar da mediación nas sociedades actuais a causa do enorme espellismo cultural que ofertan as plataformas dixitais, a falta dun pegamento social que malamente pode elaborar o Estado (mesmo o de Benestar), a necesidade dun castigo xusto para que funcione a convivencia nas sociedades… En fin, lerias sobre esta sociedade de masas e consumo na que vivimos e que tan difícil resulta desentrañar.
Hoxe, lendo un deses artigos amables e intelixentes de Joana Bonet, atopeime cunha cita de Proust sobre o costume, ao que chama «celestina mañosa» e do que afirma que sen el «a alma nunca lograría facer habitable morada ningunha». Penso que non lle falta razón. Tamén, que socialmente andamos faltos de bos costumes, como o da conversa pausada, serena e amigable sobre asuntos de interese público (fai tempo que a vida privada chapodou á pública), mentres compartimos un paseo ou un viño no bar. Alá pola cidade de Ourense, a conversa con amigos e coñecidos xa se converteu para min nunha «celestina mañosa» que me alegra un anaco do día e que seguramente (ou iso quero crer) me axuda a ser mellor persoa.