Como con Tariku, un rapaz etíope que fai primeiro de bacharelato nun instituto de Santiago. Logo de intercambiar información amigable, xa saben, que tal nos vai a ambos os dous e que tal as familias, acabamos falando do que nos asombra no mundo de hoxe, sobre todo de ciencia: a teoría de cordas, os universos múltiples, a evolución, o cerebro, a orixe da vida… Tamén das relixións do libro: xudaísmo, cristianismo e islamismo. Non vou mitificar a leria que tivemos diante dunhas excelentes luras, dunha notable croca e dunha aceptable pescada: os dous falamos a partir de fontes de divulgación moi primarias, as súas baseadas nas clases e na rede, as miñas en libros pouco complexos. Tampouco vou facer comparanzas con outras xentes. Só quería mostrar o meu asombro diante da sempiterna curiosidade humana. Bendita sexa. Saudos+apertas, querido pés lixeiros.