1. Citaba en El País Semanal o escritor arxentino Patricio Pron –un tipo que aínda non cumpriu os 40, que escribe ben e que semella ler case todo- unha frase de fai anos, do dramaturgo inglés John Osborne: «O ordenador é a evolución lóxica do ser humano: unha intelixencia sen moral». Engadía Pron que xa que segundo os entendidos en informática, a parte que non funciona dos ordenadores somos os usuarios, habería que remodelar a frase de Osborne: «O ordenador é a evolución lóxica do ser humano por carecer de moral e tamén de intelixencia». Xa só falta que algún parvo intelixente consiga que as máquinas sexan o bastante intelixentes como para prescindir de nós e fagan realidade un argumento bastante común nos relatos e películas de ciencia ficción.
2. Seica Fernando Pessoa escribiu nun dos máis de 30.000 documentos que deixou inéditos e que pouco a pouco e con gran esforzo están sendo publicados: «Un dos poucos divertimentos intelectuais que persisten no que aínda lle queda de intelectual á Humanidade é a lectura de novelas policiais». Non sei que pensaría o escritor portugués da praga actual que padecemos de novelas de xénero policial e negro –algúns, con gusto. Será que a humanidade nun acto colectivo de lucidez decidiu acabar os seus días divertíndose ata morrer? O conto é que no próximo mes de setembro a excelente editorial Acantilado vai publicar baixo o título de “Quaresma, descifrador” os relatos policiais de Pessoa, que contan como protagonista principal ao detective Abilio Quaresma, unha sorte de Sherlock Holmes de Lisboa, un home maduro, solteiro, soñador e alcohólico, médico sen clínica, espectador da vida e descifrador de enigmas, segundo sinala Eugenia Coppel, a autora da reportaxe. Haberá que estar atentos.
3. Moito se ten repetido que a realidade ás veces imita a ficción. Por exemplo, cando o atentado contra as torres xemelgas. Lendo o outro día unha reportaxe en El País sobre un militante do Estado Islámico de Irak e Levante, o grupo fundamentalista que opera en Irak e Siria, pareceume que estaba diante dun deses asasinos que saen nas películas de Tarantino ou nas de serie B, como as de “Machete”. Pero o certo é que este tal Kokito que se exhibe en restrinxidos foros yihadistas coas cabezas das persoas que degolou é real. E mete medo. Se non dan crédito lean a reportaxe e miren a súa fotografía.
http://politica.elpais.com/politica/2014/08/01/actualidad/1406909554_412267.html