Mañá, luns, 28 de abril, dará comezo a busca dos restos de Miguel de Cervantes no Convento das Trinitarias de Madrid, onde fora enterrado o 23 de abril de 1616. Un sente certa paixón pola arqueoloxía, máis incluso se vai na compaña de aventuras como as vividas por Indiana Jones na pantalla, pero non remata de entender esta manía de querer recuperar os restos de escritores ilustres. Imaxino que, ademais da sempiterna curiosidade humana, entre sublime e groseira, como cantaba Facundo Cabral, xogan un papel importante neste tipo de operacións arqueolóxicas o sentimento patriótico, local, autonómico ou nacional, e a posibilidade de crear un novo lugar de memoria e/ou espectáculo ao que poidamos acudir as xentes no noso tempo de ocio.
Onte, Francisco Rico, co gallo da busca dos restos, escribía un artigo en El País, “Poetón ya viejo”, no que daba conta do pouco que se sabe sobre os últimos dez anos da vida de Cervantes. Un dos último feitos que coñecemos do escritor é a dedicatoria da súa obra póstuma, Los trabajos de Persiles y Sigismunda, que lle escribiu a Don Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos, uns días antes de falecer, o 16 de abril de 1616, desde o seu leito de morte, e na que comezaba dicíndolle: «Ayer me dieron la extremauncion, y hoy escribo ésta; el tiempo es breve, las ansias crecen, las esperanzas menguan y, con todo esto, llevo la vida sobre el deseo que tengo de vivir». Seguía á dedicatoria, un breve e fermoso “Prólogo” que, en palabras do gran cervantista e estudoso do barroco español, Anthony Close, «Sánchez Ferlosio, según confesión propia, no podía leer sin lágrimas». No “Prólogo”, narra Cervantes o encontro real e/ou ficticio que tiveron el e dous amigos cos que viaxaba á Corte, cun estudante que nada máis coñecer que un dos viaxeiros era o célebre escritor, exclamou: «-Sí, sí, éste es el manco sano, el famoso todo, el escritor alegre y, finalmente, el regocijo de las musas». Ao que Cervantes, logo de abrazalo, contestoulle: «-Ese es un error donde han caído muchos aficionados ignorantes. Yo, señor, soy Cervantes, pero no el regocijo de las musas, ni ninguna de las demás baratijas que ha dicho. Vuesa merced vuelva a cobrar su burra y suba, y caminemos en buena conversación lo poco que nos falta del camino». Despois de contar unha breve conversa co estudante e despedirse de el, Cervantes remata o “Prólogo” con unhas palabras que seguro levaron a algún dos seus lectores-amigos supersticiosos a tocar madeira: «Adiós, gracias; adiós, donaires; adiós, regocijados amigos, que yo me voy muriendo y deseando veros presto contentos en la otra vida».
Non sei se coas técnicas do xeorradar e a termografía atoparán os osos de Cervantes. Tampouco me importa. Para buscar a Cervantes, para atopalo, non fai falta botar man de novas tecnoloxías. Chega con ler algunha das súas obras e deixarse levar pola súa escrita, unha desas escritas que axuda a levar mellor as tristezas do ánimo.