Os xornais en agosto, que estafa, sobre todo para os adictos a prensa, como é o meu caso. Certo que de vez en cando xorden sorpresas: a serie de artigos de Enric González en El Mundo, “Barras ilustres”, nos que da conta dos míticos bares, tabernas e pubs que ofertaron e ofertan a calidez dos seus locais e dos seus alcohois nas distintas cidades da xeografía mundial, todas lonxe, ¡porca miseria!, de Santiago e do meu peto.
Foi nas páxinas de verán deste xornal onde descubrín un solto que falaba de Jesús Atahonero, o marido de Olvido Hormigos, a concelleira do PSOE que saltou á fama por ser protagonista dun vídeo “erótico” privado que alguén fixo público. O conto é que o diario chamáballe ao tal Jesús, de profesión carpinteiro, “moderno Job”, imaxino que a causa da paciencia coa que tivo, ten e terá que aturar, no pequeno pobo onde vive, as penalidades derivadas do famoso vídeo e do posterior protagonismo en diversos medios de comunicación da súa muller.
A comparación con Job semella esaxerada, pouco afortunada e reveladora da escasa formación bíblica do redactor do comentario. Job, segundo conta o Libro do seu mesmo nome, un dos máis complexos do Antigo Testamento, era un rico gandeiro da terra de Uz que tiña 10 fillos e numerosos amigos e criados, un home xusto, bo e relixioso que foi sometido a todo tipo de aldraxes e inxustizas polo Diaño, coa autorización divina –eses si que eran pactos contra natura-, para probar a súa fidelidade a Deus. Logo de aturar enfermidades, ataques aos seus criados, a morte do gando, a pobreza, o repudio da súa muller e incluso a morte dalgún dos seus fillos, se mal non recordo, Deus fai acto de presencia e restitúelle a antiga felicidade, non sen antes reprendelo polas súas queixas e por non ter aceptado a Súa vontade –Job sempre defendera a súa inocencia fronte aos seus amigos, que crían que as súas desgracias eran consecuencia dos seus pecados. Por moitas que pasara e estea pasando o tal Jesús da Olvido, son moi poucas en comparación coas que tivo que soportar o inocente e rebelde Job, por non falar da potencia dos seus inimigos, Satanás en persoa, aliado con un dos Deuses máis sádicos da historia, o Xehová do Antigo Testamento, aínda que a mala baba e o sadismo das masas e da opinión pública actuais tampouco sexan moco de pavo.
E falando da crueldade e do sadismo do Deus do Antigo Testamento, o episodio que mellor retrata estas dúas características divinas é aquel que lle fixo pasar ao patriarca Abrahán cando, segundo o relato bíblico, lle pediu que lle ofrecera ao seu único fillo en sacrificio, aínda que logo non permitira que se consumara. Certo que este mesmo Deus foi o que despois tivo a idea, coa axuda do seu Fillo e do Espírito Santo –e coa Santísima Trinidad xa entramos no xénero da literatura fantástica, como apuntou Borges-, de levar adiante un novo pacto cos crentes por medio da inmolación do seu Fillo feito home, que se converteu nun Deus máis humano que o tiránico do Antigo Testamento. Este último suceso, a morte de Cristo, foi investigado fai anos por Monsieur Dupin, o célebre detective creado por Edgar Allan Poe, nunha novela moi curiosas da que falarei noutra ocasión.
Carpinteiro como o Jesús da Olvido foi o José da María, que debeunas pasar fodidas cando se decatou de que a súa muller estaba embarazada e que o fillo non era seu. Menos mal que despois o Señor mandoulle ao seu anxo, que lle manifestou en sonos que María concibira por obra e gracia do Espírito Santo. Probe José…