Onte pola noitiña, cando fun mercar tabaco ao estanco do barrio, a dependenta contoume que sobre as dúas da tarde un tipo, coa cara cuberta cun pano palestino, atracara o establecemento e golpeara cun bate á encargada. Neses típicos e tópicos díxomedíxome que producen este tipo de sucesos contoume que ao parecer o rapaz era un drogadicto ao que só lle quedaban uns meses de vida e que non tiña nada que perder e que ao pouco de cometer a fechoría xa o pillara a policía no mesmo barrio. Hoxe ven a nova na sección local dos xornais: individuo de 39 anos, con 73 antecedentes por feitos delictuosos, atraca con violencia e intimidación un estanco en Fontiñas e logo de roubar uns 400 euros da caixa e “golpear fuertemente” á estanqueira e fuxir correndo polas rúas contiguas é detido pouco despois por axentes da policía. Fai un cacho pasei polo estanco para mercar de novo tabaco –Alfonsito, pero non ías deixar de fumar un día destes?- e de paso falei coa encargada e intereseime pola súa saúde. Desde logo que levou un bo susto, pero o de que fora golpeada fortemente semella que foi adorno dramático dos medios.
O rapaz que onte atracou o estanco forma parte desa delincuencia de extracción social baixa, masculina, nova, vulgar e violenta que polo menos nos anos oitenta chegou a ser maioritaria en España, cando o setenta por cento da poboación reclusa no país estaba formada por menores de 30 anos. Hoxe en día aumentou un pouco a idade, pero os homes menores de 40 anos son maioría nas cadeas españolas. Desde logo que a delincuencia actual nada ten que ver con aquel mundo de estafadores educados, carteiristas amables, rateiras discretas e asaltantes silenciosos que tiñan o seu código moral, as súas regras de funcionamento e o seu método de aprendizaxe, tal e como describía en 1937, o estadounidense Edwin H. Sutherland no seu interesante libro “Ladrones profesionales” (Las Ediciones de La Piqueta, 1988). Ou como aquel ladrón ao que lle cantaba agradecido Georges Brassens en “Stances a un cambrioleur” (Estancias* a un ladrón): «Non me roubaches máis que o estritamente necesario / desprezando o horroroso retrato / que me regalaron polo meu aniversario / Que bo crítico de arte serías, cabrón. / Outro signo que indica ausencia de maldade / Respectuoso co bo traballador, ti non / consideraches decente privarme da miña guitarra / Solidariedade santa do artesanado». Pode ser que este tipo de delincuentes dos que falaba Sutherland ou Brassens aínda subsista, sobre todo en películas e novelas, creo eu, pero fai moito que deixaron de ser un problema social e policial. Máis importancia ten a delincuencia financeira. Ou debería ter, dado que o seu volume económico supera moitísimo ao resto dos roubos cometidos. Como esta criminalidade financeira continúa representando un porcentaxe ínfimo do total das condenas xudiciais, teremos que deducir que nas nosas sociedades aínda consideramos que esta delincuencia de colo branco, como escribiu nunha ocasión un xornalista francés, non consiste máis que na continuación dos negocios por outros medios digamos menos ortodoxos.
(*) Estancias: Estrofas formadas por unha combinación de versos endecasílabos e heptasílabos con rima variable en consonante, e cunha estrutura que se repite ao longo de todo o poema.
Alfonso Mato