Semella que xa pasou o barullo mediático que se organizou coa morte de Adolfo Suárez, o gran traidor ao réxime franquista. Non lle faltaba razón ao que fora líder da extrema dereita española, Blas Piñar, cando a comezos deste milenio acusaba a Suárez nun amplo artigo en Alerta Digital de ser un dos franquistas responsables da voadura controlada da Ditadura. Ninguén podía agardar o que fixo aquel home que exercera diversos cargos no Réxime e que mostrara unha total adhesión ao ditador. Eu, que vivín con paixón, medo e esperanza aqueles tempos, tampouco. Imaxino que sen traizoar as ideoloxías non é posible ningún cambio pacífico dun réxime ditatorial a un democrático. En España, non só foron os franquistas os traidores, senón tamén a maioría dos líderes políticos e das cúpulas dos partidos da oposición ao Réxime, por non falar deses funcionarios grises que fora polo que fora e na medida que fora traizoaron desde os seus postos de traballo a Ditadura, como facía o personaxe aquel, membro da policía política da RDA, nesa magnífica película que é “La vida de los otros”.
O que máis me amolou da parafernalia mediática dedicada a Suárez e que só uns poucos dos que escribiron sobre o tema subliñaron o carácter azaroso e para nada programado da Transición, aquel sen vivir ou vivir todos os días entre o medo e a esperanza que seguramente fixo posible o cambio. En canto á renuncia ás ideoloxías, pois pasa que a realidade manda moito. As ideoloxías rematan axeitándose á realidade ou fracasan, moitas veces despois de xustificar enormes masacres. Como comentaba nunha entrevista Wislawa Szymborska: «Cada vez que pienso en las ideologías recuerdo una película de Chaplin donde Charlot se va de viaje. Carga una maleta de hierro que no logra cerrar, y cuando por fin corre el cerrojo, quedan fuera una manga de camisa, una pierna de pantalón. Entonces Charlot toma unas tijeras y corta todo lo que cuelga fuera de la maleta. Lo mismo pasa con las teorías intelectuales». Moito me temo que a vida é gris e mediocre e que verde, verde, como di Ferlosio, só é a árbore ideal da teoría.