Onte, tomando un viño polo barrio, asistín a unha tertulia política sobre o momento actual na que participaban un comerciante (licenciado en Económicas), unha mestra, un administrativo, funcionario na Xunta, e un executivo dunha empresa de seguros. Os tres primeiros próximos politicamente ao centroesquerda e á esquerda e o último á dereita. Logo duns cantos viños e de repetir as simplezas e as parvadas que escoltamos todos os días nos medios, chegaron a un acordo unánime: a culpa de todo o que pasa é do Capital, o único e verdadeiro Amo do Mundo, incluso un deles chegou a cifrar o número de capitalistas que controlan o planeta, 60 millóns. Quedeime coas ganas de preguntarlle se algún deles fora o autor dunha pintada que se pode ver nos soportais de Área Central: «¡Lume ao Capital!». Non puiden deixar de sorrir ao imaxinarme ao executivo que recen acaba de estrear un Mercedes último modelo realizando ás agachadas a pintada e logo, acudindo ao banco, a retirar os seus aforros para queimalos no medio do centro comercial.
Xa sei que resulta inútil debater na praza pública, entre outras cousas porque razoar e argumentar ben require dunha aprendizaxe que os humanos non sempre podemos ou estamos dispostos a acadar. Segundo os estudosos do cerebro humano, parece que a parte reflexiva do mesmo é a que menos empregamos, que a preguiza intelectual está profundamente arraigada na nosa natureza. Vai ti saber… O conto é que, como di un amigo, os parvos iletrados e irresponsables inzan hoxe como nunca, ou cando menos teñen máis visibilidade e protagonismo. Diante deste panorama, o meu amigo está pensando seriamente na retirada: «A ver si se animan os monxes de Oseira a deixar un espazo no mosteiro para monxes laicos porque non vai quedando outra». E pode que non lle falte razón.