Tomaba un viño na barra dun dos bares que frecuento cando escoitei a frase: “La ociosidad es la madre de todos los vicios”. Soltoullo, non sei a conto de que, unha señora maduriña a outra máis nova que formaban parte dun grupo de médicos que esta noite celebraban a típica cea de Nadal no restaurante. Nada máis ouvila estiven nun tris de contestarlle: “-No lo sabe usted bien, señora. Se lo dice uno que goza forzosamente de ella desde hace unos años”. A contestación non saíu da miña boca porque case ao mesmo tempo veume á cabeza o artigo que publicou hoxe Rafael Sánchez Ferlosio en El País, no que diserta coa súa agudeza habitual sobre tópicos ideolóxicos como “una comida sana y abundante”, “un merecido descanso, una sana alegría y un honesto esparcimiento”, ou sobre o que el chama “sindicatos nacionais do ocio”, institucións como o Dopolavoro (despois do traballo) creado por Mussolini ou a Educación y Descanso do réxime de Franco, que se preocupaban de ocupar o ocio dos traballadores por medio de excursións turísticas ou deportes para que este non fose ocio, tempo libre, senón “merecido descanso, sana alegría y honesto esparcimiento”, labor que hoxe fai tanto Estado como a empresa privada por medio do deporte, o cine, a literatura, a música, as viaxes e demais ramas da cultura espectáculo –unha redundancia. Non sei como pasei do artigo de Ferlosio a lembrarme do que dicía Paul Lafargue, o xenro de Marx, no seu divertido panfleto “O dereito á preguiza”, no que incluía aos galegos entre os pobos para os que o traballo era unha necesidade orgánica, e de seguido a uns versos populares que cantaba Amancio Prada en “Caravel de Caraveles”: «Torna o gando, José, / ergue o lombo do chan, / colle os bois pola corda, / non me sexas lacazán». Estaba entoando a canción na cabeza cando outra frase, esta pronunciada por un rapaz do grupo de «mecánicos» (así lle chamaban aos traballadores manuais no século XV segundo conta Ferlosio no artigo) que esta noite tamén celebraban alí a súa cena de Nadal, fíxome volver á realidade: “A esa morena dáballe eu a carteira”. Xireime e comprobei que se refería a unha doutora do grupo de médicos que nese momento pasaban ao comedor. Nin lles conto a cantidade de ilacións que fixen a partir do pretendido piropo… En fin, que lles vou dicir que non saiban acerca dos perigos do ocio. Que teñan felices festas. Alfonso Mato |
Ocio
Comparte esta noticia:
Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir