Non resulta fácil aguantar máis ou menos calmo nestes tempos, neste país, por non ir máis lonxe (onde tamén pintan bastos). As novas da prensa diaria, dos telexornais ou as que che contan as persoas amigas e coñecidas, para pouco máis dan que para cantar desde a mañá á noite o Paint it black dos Rolling, mellor naquela versión que fixeran Los Salvajes e que eu escoitei por primeira vez no merendeiro da praia de Alcabre cando tiña dez anos: «No sé qué pasa que lo veo todo negro…».
O mellor resumo da actual negrura do país escoiteino fai dous días nunha entrevista que lle fixo Fernanda Tabarés, en Vía V, a José Carlos Bermejo Barrera, catedrático de Historia Antiga na Universidade de Santiago, e na que o profesor denunciou, como ten feito nalgúns dos seus últimos libros, o calamitoso estado das universidades do país. No remate da entrevista, a presentadora pediulle a Bermejo que resumira nunha frase o seu diagnóstico sobre a institución universitaria. O profesor tomou prestada unha expresión que se emprega a miúdo na terra natal da súa muller, Carnota, onde hai emigración de vello a Nova York e non é raro a mestura do galego e o inglés: «unha fucking merda».
Déixo a canción dos Rolling e a versión de Los Salvajes por se vos animades a cantala:
http://www.youtube.com/watch?v=u6d8eKvegLI